Marín Dusi celebra o seu primeiro GAU coas asociacións veciñais e culturais

Marín Dusi celebra o seu primeiro GAU coas asociacións veciñais e culturais

12 abril 2021

O Museo Manuel Torres de Marín acolleu a celebración da primeira reunión do GAU (Grupo de Acción Urbana) da estratexia Marín Dusi, o proxecto de desenvolvemento urbano sostible do Concello de Marín, que engloba algunhas das actuacións máis relevantes en materia de humanización, progreso e dixitalización que a día de hoxe está a desenvolver o Goberno local.

Este GAU, que se celebrou con todas as medidas de seguridade relativas á Covid19, estivo presidido pola alcaldesa de Marín, María Ramallo; representantes da Oficina Técnica da DUSI, e os técnicos das tres obras máis relevantes de Marín Dusi: a humanización da Avenida de Ourense, a remodelación do Paseo Alcalde Blanco e a construción do Auditorio de Marín.

Á reunión estaba convocadas as asociacións culturais e veciñais da vila, para que coñezan máis de preto a filosofía destes proxectos tan importantes para a vila, que seguirán avanzando na creación “do Marín que queremos”, tal e como explicou a alcaldesa na súa exposición.

Ramallo fixo fincapé na filosofía dos fondos europeos, centrados precisamente neses obxectivos de humanización e construción dun urbanismo sostible e integrado, que sirva para crear vilas máis respectuosas coa veciñanza e co medio ambiente.

“Neste contexto, traballamos para mellorar a nosa arteria de comunicación máis importante, o noso paseo máis utilizado, a Avenida de Ourense, e o noso gran punto de conexión co mar, o Paseo Alcalde Blanco”, explicou a alcaldesa.

No caso da primeira das actuacións, xa se atopa executada e rematada a súa primeira fase e está avanzando moi axilmente a segunda, que chega ata o límite coa Praza de España. Tal e como explicou o técnico do proxecto que participou na xornada, Eloy Fernández, no paseo habilitouse un carril bici que mellorará a mobilidade, apostando polo tránsito a dúas rodas, e ampliáronse as beirarrúas, modernizando todo o mobiliario e facendo unha importante inversión nas luminarias, que agora cumpren cos estándares de aforro enerxético.

Por outro lado, o responsable de NAOS, Miguel Porras, encargouse de explicar aos representantes das asociacións a remodelación do Paseo Alcalde Blanco e a construción do Auditorio. No primeiro caso, as obras tamén están a avanzar a bo ritmo e suporán un cambio na estética do paseo, especialmente na súa punta, que ata agora era un espazo degradado que estaba sen rematar.

No que respecta ao Auditorio, Porras explicou os detalles do proxecto que resultou gañador no concurso e que aposta por unha edificación integrada na paisaxe, con espazo para 500 butacas e con moitas posibilidades de programación cultural, que permitirán a Marín acoller eventos de maior envergadura.

Ramallo pechou o acto explicando os plans do Concello da cara a conseguir a súa integración na Axenda 2030. A estratexia Marín Dusi está confinanciada nun 80% polos Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea.

As asociacións veciñais e culturais estarán convocadas a novas xornadas do GAU para falar máis polo miúdo doutras cuestións relativas a Marín Dusi.

 

Anterior O Concello incentiva a contratación de 17 persoas para desempeñar labores de peón e conserxería e como apoio a diversas áreas municipais

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados