Marín dá dous pasos importantes en materia de urbanismo

Marín dá dous pasos importantes en materia de urbanismo

A primeira das novas era un requisito esencial para o inicio das obras de humanización da beira pegada aos edificios, que arrancarán no inicio do 2024.

A segunda permitirá crear as directrices precisas que brinden seguridade ao desenvolvemento urbano do casco histórico e do barrio de Cantodarea.

O Salón de Plenos do Concello de Marín acolleu onte ás 20.00 horas a celebración do Pleno ordinario correspondente ao mes de decembro. Nesta sesión, tratáronse varios temas de relevancia a nivel urbanístico, como a próxima obra que cambiará a fisionomía da Avenida de Ourense, humanizando a beira pegada aos edificios e reordenando o tráfico.

Este proxecto xa foi licitado e adxudicado polo Ministerio de Mobilidade, Transporte e Axenda Urbana. Suporá unha inversión de 1,12 millóns de euros (financiados polo Plan de Recuperación, Transición e Resiliencia) e está previsto que as obras arranquen ao inicio do 2024. Pero para iso, era preciso acordar no Pleno a aceptación da transferencia do vial por parte do Ministerio ao municipio, que pasará a ser o propietario da infraestrutura e, polo tanto, o que no futuro, unha vez remanten as obras, teña que velar polo seu mantemento e conservación.

Esta obra de humanización contribuirá a aumentar a seguridade dos usuarios, reducindo a saturación do tráfico e reordenando o estacionamento e o ancho e a accesibilidade das beirarrúas, beneficiando así todos os baixos comerciais que se atopan nesta beira da avenida.

Ademais, rehabilitarase o firme na estrada, actualizando a señalización horizontal e vertical, construirase unha glorieta á altura do astillero Nodosa (punto quilométrico 5+050) e renovarase a iluminación, para seguir apostando pola eficiencia enerxética.

Plan Especial de Protección

Por outra banda, o concelleiro de Urbanismo Manuel Santos firmou hoxe o convenio de colaboración co Fondo de Cooperación que subvencionará ao noso Concello  con  302.500  euros  para  redactar  o  Plan  Especial  de  Protección,  un documento que rexerá a normativa urbanística para dúas zonas da nosa vila que requiren dun especial tratamento a nivel urbanístico para garantir a conservación da súa esencia e do patrimonio.

Tal e como explica Santos, “no PXOM xa se recolle a necesidade de crear este plan especial para estas dúas zonas, co obxectivo de marcar as directrices urbanísticas que permitan desenvolver proxectos nelas”. Xa que, ata o momento, nestes espazos só está permitido conservar e manter o que xa está construído.

O prazo de redacción do plan é de aproximadamente entre 3 e 4 anos, xa que se vai realizando un plantexamento parcela a parcela, e estímase unha inversión necesaria de 200.00 euros para realizar este labor.

O obxectivo final, tal e como indicou o edil, “é poder seguir desenvolvendo urbanísticamente Marín pero sen perder o foco da nosa arquitectura e fisionomía e respectando a tradición urbanística do espazo histórico e dun barrio tan tradicional e mariñeiro como é Cantodarea”.

Anterior Marín crece en 163 habitantes: un dato esperanzador nunha situación complexa

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados