15 maio 2021
Traballar para conseguir unha vila moderna, integrada, avanzada a nivel tecnolóxico e con todas as comodidades para a veciñanza, apostando por un modelo de economía sostible e coidadoso co noso medio ambiente.
Eses son os obxectivos que persegue o Goberno local de cara a crear o Marín que queremos, un Marín cada vez máis aliñado cos obxectivos globais que se traballan desde España e Europa e que procuran que os territorios sexan máis habitables para os veciños e veciñas.
Neste contexto, estanse a executar as grandes obras que forman parte do Marín Dusi, cofinanciada cos Fondos FEDER da Unión Europea e, agora, Marín contratará a súa Axenda Urbana local para seguir captando novos fondos que a entidade comunitaria pon a disposición dos concellos con proxectos sólidos e definidos.
Para acadar esta Axenda, Marín encargará a elaboración dun PEAL (Plan Estratéxico de Acción Local). “Este documento”, explica a alcaldesa, María Ramallo, “permitirá que definamos ben como canalizar os novos fondos europeos que entrarán para o próximo período 2021-2027”.
Acadar a financiación europea non é un traballo sinxelo. O Concello ten que elaborar propostas e realizar un traballo burocrático moi relevante, que debe ser avalado por Europa para poder formar parte do grupo de municipios que finalmente acadan a financiación. No caso das Dusis, por exemplo, só 8 concellos da provincia, entre os que se atopa Marín, conseguiron o visto bo da Unión Europea.
E, que analizará o PEAL? Todo irá en base aos obxectivos estratéxicos da UE, que definen as áreas de maior importancia de cara ao futuro: territorio e paisaxe, modelo e cidade, cambio climático, xestión eficiente dos recursos, mobilidade e transporte, igualdade de oportunidades, economía urbana, vivenda, era dixital e instrumentos de intervención e gobernanza.
Para a elaboración deste PEAL, igual que ocorre co PMUS (Plan de Mobilidade Urbana Sostible do Marín Dusi), articularanse canles de participación cidadá. De feito, a alcaldesa lembra aos cidadáns “que temos aberta a enquisa de participación para este Plan de Mobilidade a través da nosa web”, que consiste en responder, de xeito anónimo, a unha serie de cuestións relativas aos comportamentos e hábitos de mobilidade dos veciños e veciñas de Marín.
“Paralelamente a todo o camiño que levamos percorrido co Marín Dusi, do que estamos
en plena execución, agora debemos continuar xestionando e optando a novos fondos
europeos que nos permitan aplicar ao noso contexto local eses epígrafes, fomentando
actuacións concretas que nos axuden a conseguilos desde unha perspectiva municipal”,
explicou Ramallo.
Novo vídeo para achegar á veciñanza o Marín Dusi
O Concello quere que todas as estratexias europeas estean cerca da cidadanía de Marín,
que as comprenda e as impulse como propias. Por iso, hoxe a través das canles sociais do
Concello (Youtube, redes sociais, web…), lánzase un vídeo explicativo do Marín Dusi.