Marín consegue a valoración positiva da Xunta e do Estado para o Plan de Sostibilidade Turística

Marín consegue a valoración positiva da Xunta e do Estado para o Plan de Sostibilidade Turística

6 novembro 2021

 Marín converterase nun referente do turismo sostible, de cercanía, respectuoso co medio ambiente e apegado á nosa contorna natural. Tanto a Xunta de Galicia como o Goberno do Estado consideraron apto para recibir financiación o Plan de Sostibilidade Turística presentado polo Concello e que suporá unha inxección económica de entre 1 e 2 millóns de euros.

A alcaldesa, María Ramallo, puido expoñer onte, por vía telemática, a proposta elaborada polo Goberno local ante representantes de Turismo de Galicia, da Secretaría de Estado de Turismo e da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). “Un plan moi pensado, claro e medido, que cremos que se axusta aos eixos que estes fondos poden cubrir, que nos permitirá revalorizar aínda máis o noso litoral e co que poderemos reforzar Marín como un destino equilibrado, sostible, de calidade e de cercanía”, asegurou a alcaldesa.

Esa mesma valoración foi feita tanto pola administración autonómica como pola estatal, xa que decidiron valorar positivamente o plan marinense, xunto a outros da nosa provincia. Aínda está por definir a cantidade exacta que recibirá cada plan dos Fondos Next Generation.

Os eixos sobre os que pivota o plan turístico marinense son os mesmos, como expuxo a alcaldesa na súa intervención, que os definidos nos fondos europeos de recuperación: apostar por unha transición verde e sostible, traballar na eficiencia enerxética e fomentar a transición dixital e a competitividade do sector.

Precisamente, a alcaldesa quixo destacar a “gran participación e entusiasmo que notamos por parte do sector”, co que se realizou unha xornada de exposición do plan antes da súa concorrencia aos fondos europeos, colleitando 26 cartas de apoio de distintas empresas, colectivos e entidades relacionadas co turismo local.

 

As grandes actuacións do plan de Marín

O Vial de Praias do futuro

Mobilidade compartida e cohesionada para gozar da nosa riqueza natural incalculable. O noso vial de praias conectarase de xeito eficiente co casco urbano, mellorando a senda ciclista e conectándoa coa actual da Avenida de Ourense

Mellorarase tamén a senda peonil e todas as baixadas ás praias, para garantir a accesibilidade, eliminando barreiras arquitectónicas.

Piscinas naturais no corazón da vila

Unir Marín co mar xa está a ser unha realidade mellorada coa renovación do Paseo Alcalde Blanco, rematando unha punta que estaba infrautilizada. O seguinte gran proxecto será a creación dunhas piscinas naturais de auga salgada, que, á súa vez, conecten de xeito sinxelo co viario ata as praias. Todo o mar unido desde o corazón da vila ata o borde litoral.

O turismo smart, protagonista da estratexia

Xa non se viaxa igual nin os recursos turísticos deben ser os de antano. Crearase unha oficina de turismo dixital e intelixente, anexa ao futuro Auditorio de Marín, que se ubicará na parcela da Praza de España. Este proxecto unirase á elaboración de sinalización dixital para os enclaves turísticos máis destacados do municipio. Todo Marín a un só click no bolsillo de cada turista e de cada veciño.

 

Ampliación do Proxecto MARES: máis estacionamento público gratuito

 

O estacionamento seguirá sendo unha prioridade. Buscaranse novas parcelas susceptibles de converterse en aparcadoiros disuasorios, que se sumen aos 12 que xa se recollen no Proxecto MARES (Marín Estacionamento), en cuxa web é posible descargar o Párking Minuto, con todas as localizacións accesibles. (www.concellodemarin.es/proxectomares) e cos tempos de desprazamento desde cada un deles aos principais puntos de interese local.

O Lago Castiñeiras

A estratexia turística centrará unha parte na restauración ambiental do Lago Castiñeiras, seguindo na senda de recuperación deste espazo como un enclave natural único.

Marín a Pé, máis ca nunca

Vivimos nun paraíso do que moitas veces non coñecemos a maior parte. Co Plan de Sostibilidade Turística crearanse novas rutas e sendas, para distintos tipos de mobilidade, tanto a pé, como en bicicleta ou BTT, para poder coñecer dun xeito diferente os segredos e lugares máis recónditos e especiais da vila.

Anterior Ramallo recibe a Raquel Carragal antes do inicio da súa proeza para visibilizar a esclerose múltiple

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados