Marín aproba habilitar a zona de estacionamento limitado gratuíto de dúas horas

Marín aproba habilitar a zona de estacionamento limitado gratuíto de dúas horas

O Pleno da Corporación de Marín aprobou de xeito definitivo a ordenanza que regulará a creación dunha Zona de Estacionamento Horario Limitado. Nesta zona o control do estacionamento será gratuíto, pero si se establecerá un límite máximo de 2 horas para aparcar, co obxectivo de mellorar a fluidez dos estacionamentos na vila e facilitar a dispoñibilidade de prazas ao longo da xornada, especialmente naquelas rúas máis comerciais.

O estacionamento no termo municipal e a necesidade de repensar o uso do espazo público é un dos eixos nos que leva traballando o Goberno local desde hai meses. Con este paso adiante, conséguese aplicar unha medida sen custo algún para a veciñanza pero que mellorará a xestión do estacionamento urbano.

Durante o período que a nova ordenanza estivo exposta ao público, presentaronse varias alegacións que foron desestimadas polos técnicos.

Agora, o Goberno local prevé que a preparación de todo o pintado e o deseño e a colocación da sinalética levará, aproximadamente, dous meses, polo que a posta en marcha da ordenanza aínda non terá efecto até entón na cidadanía.

 

Onde se aplicará a zona?

Esta zona aplicarase en determinados tramos das rúas Avda. de Ourense, Exército e Marina, Ponte, Concepción Arenal, Jaime Janer e Méndez Núñez (detalle ao final da nota).

O horario no que estará vixente a limitación será de 08.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas de luns a venres, aplicándose só de mañá o sábado e sen aplicación o domingo e os festivos. De 14.00 a 16.00 horas non estará vixente.

 

Un traballo constante de ampliación de aparcadoiros disuasorios

Desde hai varios anos, o Concello está inmerso na habilitación e na procura de novas parcelas. De feito, conseguíronse crear en pleno casco urbano case 600 novas prazas de estacionamento grazas aos parkings disuasorios, que hai fronte á Escola Naval, en Ponte Zapal, nas inmediacións do centro de saúde, na Barriada Virxe do Carme, na área do pavillón da Raña, en Inferniño, en Concepción Areal, en República Arxentina en Cantodarea e na rúa Dr. Otero Ulloa, en Seixo.

As últimas dúas parcelas acadadas foron unha na contorna do CEIP Carballal, que sobre todo axuda a desconxestionar os problemas de tráfico derivados da actividade lectiva, e a de Jaime Janer, que dará apoio ao movemento que xera día a día o Centro de Saúde.

O Goberno local lembra que segue aberto a habilitar novos aparcadoiros disuasorios onde sexa posible, polo que anima aos veciños propietarios de parcelas que queiran poñer a disposición do Concello para este fin a que contacten co Consistorio.

 

Método de control

O método de control que utilizará a Policía Local de cara a garantir o bo cumplimento da ordenanza será a ferramenta Mcam, que leva integrada un programa de recoñecemento de texto con capacidade de xeolocalización.

Deste xeito, faranse lecturas nas rúas que teñan zona azul que se compararán e o propio programa recoñecerá aquelas matrículas que sobrepasan o límite das dúas horas máximas permitidas na ordenanza.

 

*Tramos das rúas nos que se aplicará a zona azul:

  • Avenida de Ourense:
    • Tramo comprendido entre o paso de peóns que hai fronte ao parque infantil do Museo Torres até Praza de España
    • Tramo comprendido entre o paso de peóns do parque infantil até a Rúa da Estrada
    • Tramo comprendido entre o número 90 e o 96
  • Exército e Marina: no tramo que vai da zona do peirao de carga do Mercado de Abastos até o monoliño da Liberación
  • Rúa da Ponte: dende a zona de carga e descarga fronte á fonte até o cruce coa Rúa do Sol
  • Concepción Arenal:
    • Dende o cruce coa Rúa Jaime Janer até o cruce coa Rúa da Roda
    • Tramo comprendido entre a EII O Grupo e o cruce con Méndez Núñez
  • Jaime Janer: dende o cruce con Concepción Arenal até a intersección coa Rúa Busto de Abaixo
  • Ezequiel Massoni: dende o seu cruce con Concepción Arenal até o cruce coa Rúa Busto de Abaixo

 

Anterior Máis de medio centenar de inscricións para participar no I Concurso de Decoración de Nadal

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados