O Concello de Marín está ultimando os preparativos para a celebración da noite de San Xoán. Desde o Goberno local insisten en apelar á “responsabilidade individual” nos casos das fogueiras particulares que contan coa correspondente autorización.
Nestas fogueiras é imprescindible lembrar que se deben respectar todas as medidaS de prevención e seguridade recollidas no decreto da Nova Normalidade, que rexe a actual desescalada en Galicia.
No que respecta ás fogueiras públicas que teñen autorización, o Concello volve recordar as medidas extraordinarias que se deben cumprir e que foron publicitadas durante esta fin de semana:
- Terá que haber un entorno delimitado
- Crearase unha entrada e unha saída dese entorno que estean diferenciadas
- Terá que cumprirse o distanciamento físico entre persoas
- Será obrigatorio o uso de mascarilla cando non sexa posible gardar a distancia de seguridade
- O aforo do entorno será limitado
Por outra banda, e co fin de que en todo momento se cumpran as medidas esixidas tanto nas cacharelas públicas como nas particulares, a Policía Local ten deseñado un importante dispositivo de vixilancia e control.
Lémbrase que estarán pechadas as praias durante a noite para evitar que se dean aglomeracións de xente nas mesmas e tampouco estará permitido en ningún lugar do termo municipal instalar postos de comida nin asadores. Os únicos que poderán asar en vía pública, autorización municipal mediante, son os locais de hostalaría e cumprindo tamén coas medidas estritas de prevención e hixiene.