Un acceso máis integrado, un novo aparcadoiro, unha zona de Auditorio ao aire libre e novos espazos con mesas serán os puntais fundamentais dun dos proxectos clave do Plan de Sostibilidade Turística
Marín, 06 agosto 2024
O pontecial turístico da nosa vila ten aínda moito por desenvolver. Nos próximos anos, será posible facelo a través dos proxectos incluidos dentro do plan de sostibilidade turística, dotado con dous millóns de euros procedentes dos Fondos Europeos-NextGeneration.
Un deles é o correspondente á posta en valor do Lago Castiñeiras, unha xoia do noso patrimonio natural. A alcaldesa, María Ramallo, informou esta mañá de que a Mesa de Contratación avaliou as 8 empresas presentadas ao proceso de licitación, resultando a máis vantaxosa a de Caldevergazo, que será proposta para a súa adxudicación.
Este proxecto de mellora centrarase sobretodo na reordenación dos espazos nos que conviven o tráfico peonil co rodado e na posta en valor da contorna do vaso hidráulico, que ten grandes posibilidades.
Para iso, actuarase en distintas zonas, tendo en conta a mellora da accesibilidade e a creación de itinerarios seguros para os peóns. Unha desas zonas será a de diante do lago, onde se crearán dúas zonas separadas por un murete de pedra no que as persoas poderán sentarse a descansar e que serve como protección fronte ao tráfico. Á súa vez, o pavimento da zona peonil diferenciarase da estrada e dará continuidade aos sendeiros.
Tamén se mellorará o pavimento do paseo que hai diante do lago e instalaranse bancos na zona central. Toda a subida entre o lago e o aparcamento converterase nun agradable sendeiro, con espazo separado para peóns e tráfico rodado.
Asemade, crearase unha zona de aparcadoiro específica e aproveitando a pendente natural do terreo habilitarase unha especie de auditorio ao aire libre con graderío de pedra, que permitirá albergar actividades e actuacións. Nunha zona moi próxima ao lago habilitarase unha estancia na que se colocarán mesas e bancos.
Con todas estas melloras, o obxectivo será o de revalorizar este refuxio de conexión coa natureza, no que se investirán case 200.000 euros.