Marín adhírese ao Pacto de Alcaldes e Alcaldesas Polo Clima

Marín adhírese ao Pacto de Alcaldes e Alcaldesas Polo Clima

O Pleno da Corporación apoiou onte por unanimidade a adhesión do Concello de Marín ao Pacto de Alcaldes e Alcaldesas Polo Clima e a Enerxía, unha iniciativa promovida pola Unión Europea e que será coordinada en Galicia polo Goberno autonómico, co fin de conseguir que os concellos sexan sostibles enerxeticamente.
A adhesión implica, segundo expuxo onte na sesión plenaria a concelleira de Medio Ambiente, Marián Sanmartín, “asumir os obxectivos adoptados pola Unión Europea para frear o cambio climático, adoptando as medidas necesarias para reducir, de aquí ao 2030, o consumo enerxético e as emisións de CO2, ao tempo que se aumenta o uso de enerxías renovables”.
Estas actuacións deberán levarse a cabo en edificios, instalacións, equipamentos e no transporte, tanto público como privado, así como nos ciclos de tratamento de augas residuais e dos residuos sólidos urbanos.
Por outra banda, o Concello terá que adoptar medidas de adaptación fronte aos riscos e vulnerabilidades aparelladas ao cambio climático, como son as secas, a elevación do nivel do mar, ou unha maior frecuencia dos episodios de temperaturas extremas e chuvias torrenciais.

Presentación do plan de acción: horizonte 2030
Agora, o Concello deberá elaborar un plan de acción co que se garanta o cumprimento destes obxectivos antes de que chegue o 2030. Tanto para a súa redacción como para implementalo no futuro, o Concello contará co apoio da oficina técnica do Pacto dos Alcaldes, posta a disposición de todos os municipios galegos pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, dependente da Consellería de Medio Ambiente. O cometido deste órgano será a de asesorar de maneira individual ao Goberno local marinense para levar a cabo todas as accións dependentes do Pacto.
Ademais, Sanmartín anunciou onte no Pleno que o 22 de outubro a vila marinense acollerá a presentación oficial do pacto a esta oficina. Neste acto, contarase ca experiencia práctica dun representante dalgún dos concellos que xa están adheridos ao plan.

Case 8.000 autoridades locais de 57 países
O Pacto foi lanzado en Europa no ano 2008, e implica xa a case 8.000 autoridades locais pertencentes a 57 países de todo o mundo.
Ademais, con esta adhesión contribúese á consecución da Axenda 2030, un chamamento universal desenvolvido polas Nación Unidas para acadar un mundo máis xusto e sustentable.

Anterior O San Migueleiro contará cunha caravana morada para garantir unha festa libre de violencia de xénero

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados