8 marzo 2022
O 8 de marzo en Marín tivo como protagonistas ás mulleres profesionais do transporte, o colectivo ao que se lle quixo adicar a conmemoración deste Día Internacional da Muller. O Salón de Plenos do Concello acolleu o acto institucional a partir das 12.30 horas, presidido pola alcaldesa, María Ramallo e a asesora xurídica do CIM, Clara Rodríguez, e coa presenza de todos os grupos da Corporación e das asociacións de mulleres da vila.
Xunto a elas, na mesa presidencial do Pleno estaban as mulleres que representaban ao colectivo laboral homenaxeado: a taxista, Amparo Omil González e a conductora da Brilat, María Esther Chazo Angueira, así como a comandante da Escola Naval Militar, Yolanda Paredes Conesa, que tamén compartiu o seu caso.
A alcaldesa abriu o acto facendo referencia ao traballo de taxistas, camioneiras, profesionais condutoras dos servizos de autobuses e vehículos sanitarios. “Elas están cambiando o mundo, creando oportunidades de emprego para as mulleres en traballos aínda moi masculinizados”, declarou.
Despois da intervención da alcaldesa, as representantes do Consello Municipal da Muller procederon á lectura da declaración institucional. Tras isto, as representantes das mulleres profesionais do transporte foron compartindo as súas experiencias laborais coa perspectiva de xénero.
Todas coincidiron en que os inicios son complexos e tal e como explicaba Yolanda, “parece que tes que demostrar máis ca os teus compañeiros”. Aínda así, todas por aclamación quixeron recomendar o seu traballo a outras mulleres, a pesar das dificultades.
Ramallo pechou o acto institucional pedindo que neste 8M sigamos mirando cara adiante e facendo referencia ás novas maneiras de vivir que trouxo consigo a pandemia, como o teletraballo, para que esteamos moi alerta de que non supoñan “un retroceso nos pasos que levamos dado e que tanto costaron, porque sabemos que os coidados e os labores domésticos sempre recaen en nós, máis aínda estando na casa”.