O Museo Manuel Torres acolleu hoxe pola mañá a xornada de presentación e seguemento do Pacto de Alcaldes polo Clima e a Enerxía, un encontro que estivo presidido pola alcaldesa, María Ramallo, e o directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, María Cruz Ferreiro Costa, entidade que se encarga de coordinar este pacto en Galicia.
Á convocatoria acudiron alcaldes e representantes de A Baña, Ames, Lousame, Noia, Campo Lameiro, Riveira, Cambados, Cangas, Moraña, O Rosal, Oia, Pazos de Borbén, Poio, Ponte Caldelas, Ponteareas, Ribadumia, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Bueu, Vilaboa, Portas e O Grove.
Son varios os obxectivos do proxecto, impulsado polas Nacións Unidas e que só en Europa conta con máis de 9.000 concellos adheridos. Por unha banda, búscanse reducir, polo menos nun 40%, as emisións de CO2 no horizonte do 2030, por medio de medidas de eficiencia enerxética e dun maior uso de fontes de enerxía renovable.
Por outro lado, trátase de mellorar a resiliencia dos concellos ante os impactos do cambio climático e de aumentar a cooperación entre as autoridades locais e rexionais, tanto dentro da UE como fóra dela, para mellorar o acceso a unha enerxía segura, sostible e asequible.
O lema da Axenda 2030 é “non deixar a ninguén detrás”, que é precisamente o que se propón a Xunta de Galicia coa coordinación do Pacto a nivel autonómico, creando unha oficina técnica de asesoramento para que os Concellos poidan implantar todas esas medidas necesarias para frear o cambio climático.
Na inauguración da xornada, a alcaldesa María Ramallo afirmou que esta axenda é “un chamamento universal co que se pretende acadar un mundo máis xusto e sustentable, aplicando todas as medidas recollidas no Plan de Acción en todos os edificios e equipamentos públicos, no transporte e nos ciclos de tratamento de augas residuais e de residuos sólidos urbanos”.
Ramallo agradeceu á directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático o asesoramento que ofrecen ás autoridades locais e mostrou a súa confianza en acadar os obxectivos do Pacto dos Alcaldes, como resultado deste traballo colaborativo.
Na xornada, os asistentes escoitaron tamén a experiencia do Concello de Curtis, pioneiro na implantación desta axenda.
17 obxectivos de desenvolvemento sustentable
Ferreiro Costa explicou aos asistentes en que consisten os obxectivos que persegue a Axenda 2030, que engloban máis melloras a nivel socioeconómico que as estreitamente relacionadas co cambio climático, e animou aos Concellos a facer máis fincapé ou especializarse en algún concreto “do que teñades máis necesidades no voso Concello ou que vexades que podedes acadar de forma máis efectiva”.
“A nosa finalidade é facilitarlles os medios e coñecementos necesarios aos alcaldes para que poidan contribuír á creación dunha Galicia máis sustentable, invitándolles a que divulguen e poñan en práctica esta axenda no seu día a día”, aseguran desde a Consellería.
As metas son:
• Fin da pobreza
• Fame cero
• Saúde e Benestar
• Educación de calidade
• Igualdade de xénero
• Auga limpa e saneamento
• Enerxía accesible e non contaminante
• Traballo decente e crecemento económico
• Industria, innovación e infraestrutura
• Redución das desigualdades
• Cidades e comunidades sustentables
• Produción e consumo responsable
• Acción polo Clima
• Vida submarina
• Vida de ecosistemas terrestres
• Paz, xustiza e institucións sólidas
• Alianzas para acadar obxectivos
A Xunta asesorará tamén aos Gobernos locais para que coñezan que liñas de axudas e subvencións existen para implementar medidas enfocadas a acadar algún destes obxectivos.