24 abril 2021
Coñecer a lingua de signos é unha vontade individual que axuda de xeito colectivo a integrar ás persoas xordas en sociedade, permitindo unha comunicación fluída con elas en calquera momento. O Concello de Marín quere achegar a realidade da comunidade xorda e da lingua de signos ao alumnado dos centros educativos da vila, e por iso a concelleira de Educación, Marián Sanmartín, informou de que se ofrecerá aos centros o proxecto “Signar en Marín”.
Este proxecto está impulsado por “En Lingua de Signos” (ELDS), unha iniciativa formada por un equipo interdisciplinar de profesionais cunha longa traxectoria vencellada á lingua de signos e á comunidade xorda de Galicia: intérpretes, formadores, educadores sociais, lingüistas…
O proxecto consiste nunha proposta educativa, deseñada por este colectivo e financiada polo Concello, que procura achegar a aprendizaxe do código de comunicación de persoas xordas e da súa realidade diaria á infancia e á mocidade.
Tal e como explican desde ELDS, “resulta prioritario facver da escola un espazo inclusivo no que todos os nenos e nenas sintan que poden participar en igualdade, independentemente de cales sexan as súas capaciades. Isto esixe desenvolver accións formativas ordinarias e tamén extraordinarias encamiñadas a sensibilizar e a educar na importancia da eliminación de barreiras e a ser conscientes de que sermos diferentes compleméntanos e enriquécenos”.
Para acadar este obxectivo, o proxecto contempla obradoiros de achegamento á lingua de signos e de sensibilización sobre a comunidade xorda e a súa cultura, adaptados ás distintas etapas educativas: Infantil, Primaria e Secundaria. Os contidos serán:
● As persoas xordas e a comunicación con elas
● A lingua de signos: aclaración de conceptos e falsos mitos
● O alfabeto dactilolóxico da lingua de signos (para Primaria e Secundaria)
● Saudamos e presentámonos
● Os días da semana en lingua de signos
● Cores e animais (Infantil e Primaria)
O equipo educativo que se encargará de impartir estas sesións de aprendizaxe está conformado por unha lingüista, un educador social e unha formadora e intérprete de lingua de signos.