Marín abre a súa Axenda Urbana ao mundo da empresa, do asociacionismo e a veciñanza

Marín abre a súa Axenda Urbana ao mundo da empresa, do asociacionismo e a veciñanza

A redacción da Axenda Urbana de Marín está a ser un proceso aberto, participativo e transparente co que elaborar ese documento estratéxico que marque as liñas do Marín do futuro.

Dentro desa estratexia de participación, celebráronse nos últimos días no Museo Municipal Manuel Torres tres mesas de traballo, unha sobre economía circular e sostible, innovación e dixitalización, e outra sobre territorio, urbanismo e medio ambiente.

Foron dirixidas por Juan Arredondo, membro de EOSA, a consultora que se está a encargar da redacción da Axenda, e establecéronse nunha dinámica moi participativa para os integrantes da mesa, que debían ir contestando preguntas in situ acerca das características de Marín en torno ás temáticas elixidas.

Grazas a esa pregunta/resposta en tempo real, todos os actores que participaron das mesas puideron intercambiar impresións sobre as súas opinións, convertendo a mesa de traballo nun espazo de reflexión e de detección das fortalezas e as debilidades que Marín debe recoller na Axenda Urbana, para facer, deste xeito, un diagnóstico correcto e claro.

Desde o Goberno local apuntan á importancia que ten esta parte no proceso de elaboración da Axenda Urbana, “xa que non podemos abordar os retos futuros

que ten a nosa vila sen contar con todos aqueles paus que forman a mesa e que van desde as asociacións veciñais ata o mundo da empresa, pasando polas entidades comerciais e sociais”.

Enquisa online, dispoñible ata o 8 de decembro

Por outra banda, xa está aberta en liña a enquisa de participación que quere chegar a toda a veciñanza de Marín. A través da seguinte ligazón, é posible contestar a máis de 50 preguntas para poder ofrecer opinións sobre diversos asuntos: https://enquisas.concellodemarin.es/

A enquisa estará aberta ata o 8 de decembro, para despois poder sacar un informe de avaliación dos resultados e incorporalos no documento final da Axenda Urbana, que deberá ser aprobado no Pleno da Corporación.

Anterior Marín acenderá o seu Nadal o 2 de decembro

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados