Máis de 700 persoas e 70 voluntarios participarán na Ruta Montes e Praias deste domingo

Máis de 700 persoas e 70 voluntarios participarán na Ruta Montes e Praias deste domingo

A Ruta Montes e Praias celebrará este ano unha das súas edicións máis especiais. A andaina deportiva celebrarase o domingo, 8 de marzo, Día Internacional da Muller, con saída ás 09.00 horas da Alameda ou do Multiusos, no caso de mal tempo, onde se poderán recoller os últimos dorsais.
Tal e como xa se expuxera na presentación oficial da proba deportiva, o papel das mulleres na sociedade será o eixo vertebrador desta edición, que de novo terá un carácter solidario dado que recadará fondos para a AECC de Marín.
“Camiñando en igualdade contra o cancro” será o lema da andaina, elixido entre as diversas propostas enviadas polos participantes e que poderán levar de maneira individualizada nos seus dorsais. Con todas esas frases farase un gran photocall, que estará instalado na mesma Alameda.
Hoxe, o Concello acolleu unha rolda de prensa na que a concelleira de Turismo, Cristina Acuña, estivo acompañada por José Francisco Gil, do Club Xesteiras e por Emilia Riparada, presidenta da AECC de Marín. Nela, Acuña asegurou que o intención desta edición é “superar o éxito da anterior”. En total, hai máis de 700 persoas inscritas entre a andaina popular de 15 quilómetros e a ruta de 25, incluída esta última no Open de Andainas de 25 Km de Galicia.

Novo itinerario
Segundo explicou José Francisco Gil, de Xesteiras, esta edición terá como aliciente a variación do itinerario con respecto a outros anos. “Imos variar un pouco o trazado propio da Ruta de Montes e Praias, incluíndo algúns puntos que nos demandaba moito a xente como o Monte Pituco, o Lago Castiñeiras ou a zona das Fervenzas do Neibó, que seguro que lle descubrimos a moita xente”.
Aínda que a ruta pode chegar a ser dura, “a beleza das paisaxes compensa todo”, asegurou Gil. Así a todo, para aquelas persoas que prefiran un traxecto máis curto, está o trazado de 15 km, “que tamén subirá ata o Lago, pero despois xa baixara cara Marín sen dar tanta volta”. Neste caso, ademais, visitaranse as ruínas dunha torre medieval “que serán explicadas por Fran Alonso, historiador de Marín”.
A entrega de dorsais realizarase antes das 09.00 horas no Multiusos, debido á posibilidade de chuvia. Segundo estea o tempo, no mesmo día decidirase se a saída da andaina se mantén desde a Alameda ou se fai directamente do Multiusos, “o cal non supón ningún problema porque este punto xa formaba parte do traxecto”.
Francisco tamén quixo agradecer “ás comunidades de montes, ás cadeas de alimentación e ao comercio local de Marín, que participou e colaborou ca andaina”.

Recollida previa de dorsais e dúas conferencias
Despois da experiencia de anos anteriores e co obxectivo de mellorar e optimizar a organización, haberá posibilidade de recoller o dorsal mañá, sábado, no palco da Alameda, de 10.00 ás 13.00 horas e na Biblioteca Municipal de 18.00 a 20.00 horas.
Ademais do dorsal, os participantes recibirán unha mochila, de cor verde e violeta, por motivo do 8M, no caso da ruta de 15 km, e de cor laranxa na de 25 km. Por outra banda, recibirán un par de calcetíns morados e unha botella ilustrada ca viñeta de Luís Davila conmemorativa do 8M deste ano.
“Estamos traballando na eliminación de todo tipo de residuos plásticos”, aseguran desde Xesteiras, polo que o Concello aportou a inversión destas botellas, “ca fin de non ter que repartir vasos nos puntos de avituallamento”.
O sábado pola tarde, a Biblioteca acollerá dunhas conferencias previas á andaina, unha relacionada ca contorna e outra sobre o deporte e o cancro.
A primeira estará impartida por Gaspar Bernárdez, responsable de diversas publicacións relacionadas co medio ambiente, a fauna e a flora da nosa vila, que nos vai explicar que se atoparán os participantes ao longo da ruta. Será ás 18.00 horas.
Ás 19.00 horas, Nacho García, licenciado en INEF e instrutor de marcha nórdica, impartirá unha conferencia sobre os estudos que se están a levar a cabo, incluso aquí en Galicia, que relacionan esta actividade física ca súa positiva incidencia no cancro de mama, “dado que se trata dun exercicio físico non de impacto pero si moi completo”.

Anterior Baremos establecidos pola Seguridade Social para a bonificación da taxa de recollida do lixo

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados