Investimento de máis de 1 millón de euros na rehabilitación integral do IES Illa de Tambo

Investimento de máis de 1 millón de euros na rehabilitación integral do IES Illa de Tambo

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, visitou hoxe o IES Illa de Tambo, onde destacou que o seu departamento está a realizar un investimento de 1.090.880,60 euros nunha obra de rehabilitación integral. Tal e como sinalou, trátase dunha actuación que forma parte do Plan de Dotación de Infraestruturas Educativas da Xunta de Galicia e é posible grazas ao anticipo de tesourería aprobado no Consello da Xunta para axilizar a licitación das obras con cargo ao superávit de 2018.

A obra inclúe accións para a mellora da eficiencia enerxética como o illamento da fachada mediante sistema SATE, a renovación e illamento das cubertas con panel sándwich no edificio administrativo e no aulario e o revestimento interior das fachadas e da cuberta do ximnasio con chapa de aceiro prelacada, que conta con illamento incorporado.

Así mesmo, cambiaranse as ventás por outras novas de carpintería de aluminio con rotura de ponte térmico e vidro dobre baixo emisivo, instalaranse novas persianas con lamas de aluminio con illamento a base de espuma de poliuretano e renovaranse as luminarias, colocando equipos de alta eficiencia enerxética, con equipos de regulación lumínica e detectores de presenza nas aulas que teñen luminarias fluorescentes. Ademais instalarase unha nova sala de caldeiras de biomasa e 3 silos prefabricados. Todas estas medidas combinadas suporán un aforro do 72,60 % no consumo de enerxía primaria non renovable e do 80,20 % en emisións de CO2.

No relativo ás melloras funcionais, substituiranse os falsos teitos en mal estado por un falso teito rexistrable de paneis acústicos, limparanse e pintaranse os paramentos interiores e realizaranse varias melloras nas instalacións de electricidade. Así mesmo, construirase unha rampla de acceso ao ximnasio para mellorar a accesibilidade.

Durante a súa visita a conselleira animou ao centro a continuar implicándose no desenvolvemento dos programas educativos impulsados desde o seu departamento. Non en balde o IES Illa de Tambo forma parte do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares ( PLAMBE), desenvolveu o pasado curso dúas liñas dos contratos-programa (en concreto a de Reforzo, orientación e apoio e a dirixida ao reforzo de competencias clave en 3º e 4º de ESO e FP Básica como modalidade de acompañamento fóra do horario lectivo) e participou no Plan Proxecta.

Anterior Programa Festas da Virxe do Porto

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados