Intensifícanse os controis policiais e a limpeza urbana para cumprir cas medidas decretadas polo estado de alarma

Intensifícanse os controis policiais e a limpeza urbana para cumprir cas medidas decretadas polo estado de alarma

O Concello de Marín continúa a traballar intensamente para o debido cumprimento a nivel institucional e por parte da cidadanía das medidas tomadas polo Goberno de España e a Xunta de Galicia enmarcadas no decreto do estado de alarma, para mitigar a expansión do Covid19.
Dentro desa liña, a Policía Local, que está coordinada co Concello, intensificou desde esta mañá os controis en todo o casco urbano para que se cumpran todas as restricións de movemento cidadán, advertindo da interposición de sancións nos casos que así sexa necesario.
Así, o corpo de seguridade informou de que ao longo do día de hoxe foron tramitadas tres denuncias. A primeira delas, a un individuo que foi interceptado paseando no Paseo Alcalde Blanco a primeira hora da mañá e que dúas horas máis tarde volveu ser interceptado, esta vez transitando pola Avenida de Ourense, sen xustificar estes desprazamentos.
As outras dúas denuncias, tramitadas conxuntamente, recaeron en dous varóns de 16 anos que romperon o precinto policial de peche do Parque Azul, en Cantodarea, onde estiveron tomando o sol, incumprindo ca esixencia de confinamento que debe cumprirse por responsabilidade social para loitar contra a propagación do virus.
A Policía Local afirma que durante toda esta semana continuarán incrementándose os controis de tránsito de peóns e de tráfico rodado e recordan á cidadanía que tanto no caso dos desprazamentos para ir ao supermercado como para sacar ás mascotas, “o tempo que se está na vía pública debe ser o mínimo imprescindible”.

Limpeza e desinfección de rúas
Por outro lado, durante toda a mañá a brigada municipal de Limpeza, incluída dentro dos servizos mínimos habilitados polo Concello, levou a cabo a desinfección e o chorreo profundo das rúas máis transitadas do núcleo urbano, poñendo especial énfase nas inmediacións do Centro de Saúde.
Os operarios da brigada están a traballar segundo as indicacións do bando de Alcaldía publicado onte, facendo quendas semanais para minimizar o máximo posible os contaxios, garantindo a saúde laboral dos e das traballadores e traballadoras.
Con esta medida dáse cumprimento ás esixencias de hixiene a nivel urbano, que deben vir acompañadas do esforzo e da responsabilidade dos cidadáns, que tamén deberán cumprir cas medidas de prevención e hixiene individual: respectar as distancias mínimas de entre un metro e medio e dous, tusir ou esbirrar ao cóbado, lavar as mans con auga e xabón con elevada frecuencia…

Anterior Medidas adoptadas polo Comité de Saúde e Seguridade ante a situación sanitaria provocada polo coronavirus

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados