No mediodía de hoxe, deceas de cativos puideron comer nos centros educativos de Marín, grazas aos servizos de comedor.
Nalgúns casos xestionados desde o propio centro e outros ao abeiro do convenio entre o Concello e a Federación Provincial de Ampas de Pontevedra.
Este será o segundo ano de colaboración entre o Consistorio e o organismo provincial, iniciado no seu día polas peticións das Ampas, que requerían dunha “profesionalización deste servizo”, tal e como explica Ángel Sánchez, vicepresidente da Fampa.
O Concello, coñecedor desta necesidade, asinou este convenio ca Fampa, do que desde o ano pasado se benefician o CEIP A Laxe, a EEI O Grupo e o CEIP de Ardán. No caso do Grupo, o comedor habilitouse o ano pasado desde cero “e notouse moito na mellora das cifras de matriculacións”, afirman desde a Fampa.
Este ano, súmase a estes centros o CEIP de Seixo, que tamén contará con servizo de comedor. A súa posta en marcha está aínda pendente dun trámite burocrático, pero a previsión é que en menos de dez días estea solventado e poidan comezar a servirse as comidas para o alumnado.
Estase tratando de ir incorporando o comedor e o Plan Madruga, na procura de mellorar o máximo posible a conciliación para as familias dos centros educativos de Marín, aínda que o número de alumnos non sexa moi elevado. Asimesmo, garántese o control sanitario en todo o proceso de traslado e manipulación das comidas e a partir do próximo mes instalaranse en todos os centros xestionados pola FAMPA uns dispositivos antiatragantamento.
Ademais, dentro do convenio asinado entre o Concello e a Fampa, contémplase o pago do 11,5% do custo total para todos os usuarios, unha porcentaxe que se incrementa no caso de familias con algún tipo de problemática social, avaliada previamente polo departamento de Servizos Sociais do Concello.