A rúa Concepción Arenal será un exemplo de mellora da mobilidade urbana despois de que se execute a totalidade da obra de rehumanización deste novo tramo, que dará continuidade ao proxecto que xa se levou a cabo desde o linde con Estribela ata a rotonda das Anclas.
Nesta ocasión, comezarase actuando desde esa rotonda ata a Rúa da Roda. No primiero tramo, que iría ata a Cafetería da Mouta, a ampliación de beirarrúas para que o espazo para os peóns sexa o desexado suporá unha eliminación da liña de aparcadoiros que está na esquerda en dirección Pontevedra.
Será o único tramo no que o estacionamento se vexa afectado, xa que desde A Mouta ata a Rúa da Roda manteranse todos os estacionamentos, aínda que se reordenarán para que sexan todos en liña.
Co novo deseño e cando a execución dos traballos remate, a avenida contará cunhas beirarrúas máis amplas, nas que se reforzarán puntos de luz (especialmente nos pasos de peóns) e colocaranse novas xardiñeiras, bancos e papeleiras; e un pavimento renovado para o tráfico rodado.