O Concello de Marín acaba de iniciar as obras de ampliación do subministro de auga na Grela, unha actuación da que se beneficiarán 10 vivendas, que pasarán a estar conectadas coa rede existente. Tamén os solares que se atopan nesa zona contarán con este servizo no caso de que se edifique.
Segundo indicou Pablo Novas, esta é unha obra “que era moi demandada pola veciñanza desta zona de San Xulián, porque trátase dun punto moi alto no que, especialmente no verán, os pozos particulares das vivendas sufrían desabastecemento”.
Con esta conexión á rede xeral, resólvese este problema, que era o principal obxectivo do Goberno local, que traballa en mellorar a prestación de servizos esenciais a toda a veciñanza do rural.
A empresa Viñas Blancas resultou adxudicataria deste proxecto, no que se investirá un total de 24.913,90 euros. Novas asegurou que “se incluirán novas zonas que tamén precisan destas conexións en futuros proxectos, en canto sexa posible a nivel orzamentario”. O prazo de execución dos traballos é de aproximadamente un mes.