1 outubro 2021
Marín converterase na capital galega dos videoxogos os días 6 e 7 de novembro coa celebración do I Marín Gaming Fest, un gran evento que presentaron esta tarde no Concello os concelleiros Hugo González e Antonio Caíña xunto con Sonia Piñeiro Collazo, en representación da asociación gamer pontevedresa Gaming Troop, organizadora da cita.
Durante esa fin de semana, no Pavillón da Raña, de 11.00 a 21.00 horas, poderá desfrutarse en Marín de catro torneos dos videoxogos que os xogadores máis desexan: Super Smash Bros Ultimate (sábado 11h), Fortnite (sábado 16h), League of Legends (domingo 11h) e FIFA21 (domingo 16h). Estes torneos son gratuítos, sen límite de idade e todos teñen premio monetario.
Ademais, o sábado os asistentes poderán probar durante todo o día a experiencia da simulación de carreiras grazas ao setup que traerá ao Pavillón da Raña a empresa RaceSIM Technologies. Os xogos de mesa, que terán o seu propio espazo o domingo, veñen da man da asociación Tempus Ludit, aos que calquera curioso ou curiosa poderá achegarse, botar unhas partidas e descubrir novos xogos cos que pasar a tarde.
Tamén o domingo haberá protagonismo para o cosplay ca charla “Iniciación ao cosplay e estilización de perrucas”, que ofrece Luscofusco Cosplay ás 12.00 horas, ademais do concurso de cosplay que se celebrará ás 17.00 horas, cun primeiro premio de 150 euros.
Por outra banda, actualmente está aberta unha convocatoria para artistas que desexen ter un posto durante o evento e ofrecer os seus produtos. Os interesados deben rexistrarse a través da ligazón que atoparán na web de Gaming Troop (https://gamingtroop.es/wp-content/uploads/2021/09/ARTISTAS-Marin-Gaming-Fest.pdf) ata o 18 de outubro.
Desde o Concello, animan a toda a mocidade e á xente adulta que lle guste o mundo do videoxogo a participar dun evento coma este, “que nunca se organizou en Marín e que aspiramos a que teña novas edicións en próximos anos, ofrecendo deste xeito unha cita de ocio relacionada cos videoxogos e cos mundos dixitais na nosa vila”.
Segundo indicaron desde Gaming Troop, xa se están empezando a inscribir as primeiras persoas nos torneos. Para reservar unha praza, poden facelo a través de https://linktr.ee/Gaming_troop