A Biblioteca Pública Vidal Pazos luce desde esta mañá as viñetas da exposición “Humor Bibliotecario”, unha escolma de debuxos satíricos, “máis pensados para a sonrisa que para a gargallada”, que cedeu ao espazo o bibliotecario José Ramón Núñez.
A concelleira Beatriz Rodríguez estivo hoxe na inauguración da mostra, acompañando a Núñez, que explicou que toda a recompilación de viñetas naceu por unha casualidade. “Un día topei cun grupo de Facebook, El Mundo de los Bibliotecarios, no que se ían colgando estas viñetas e comecei a coleccionalas, polo menos durante un ano, pero sen ningún proxecto en mente”.
Cando José Ramón comprobou que xa tiña cerca de 250 viñetas, considerou que se podía facer unha selección delas e convertilas nunha exposición ca que poñer un toque de humor nas bibliotecas de diversos puntos de Galicia.
Así, seleccionáronse os 212 mellores debuxos e instalouse a exposición na Biblioteca de Bueu, onde traballa José Ramón. Despois, a mostra recalou en Cangas e agora estará na vila marinense durante todo o que queda de ano.
“O meu obxectivo é o de reivindicar, a través destas viñetas, ao libro, á lectura e aos escritores”, explica o bibliotecario, que agradeceu o interese mostrado pola Biblioteca de Marín e pola Concellaría de Cultura na mostra.