II Festival Cine do Mar
Festival Cine do Mar
Fecha
23/06/2025 - 29/06/2025
Hora
Localización
Museo do Mar de Marín
De CULTURA

Celebrarase na semana do 23 ao 29 de xuño de 2025 na vila de Marín.

A Asociación Cultural por un Museo do Mar para Marín é a entidade organizadora deste festival.

O Museo do Mar de Marín, desde a súa creación, ten como un dos seus obxectivos principais a recuperación da identidade mariñeira da vila de Marín, así como a conservación e divulgación do patrimonio cultural vinculado ao mar, a cultura marítima e mariñeira, especialmente entre as novas xeracións. Por outra banda, a lingua galega forma parte indisoluble da nosa cultura. Lingua e mar son dous elementos fundamentais para entender e divulgar a nosa identidade. Así pois, o Festival Cine do Mar encádrase totalmente dentro dos obxectivos do Museo do Mar de Marín.

O Festival Cine do Mar promove a valoración do mar como ecosistema e a concienciación da importancia da súa protección e conservación, así como a dignificación dos oficios relacionados co mar e o recoñecemento das persoas que dedicaron e dedican a súa vida aos traballos tanto no mar como en terra vinculados directa ou indirectamente ao mundo da pesca e o marisqueo.

O Festival Cine do Mar é un evento que promove a creación en lingua galega e que contribúe á promoción, á difusión e á defensa da lingua galega, fomentando a normalización do uso do galego nas actividades culturais. Entre os seus obxectivos principais están o de fomentar o uso do idioma galego entre a poboación, nomeadamente entre a infancia e a mocidade; así como o fomento da creación artística no ámbito audiovisual en lingua galega dirixido na infancia e a mocidade, rangos de idade onde o galego ten menos uso e prestixio.

A Asociación Cultural por un Museo do Mar para Marín convoca a segunda edición deste festival.

A participación neste festival será totalmente libre e gratuíta, podendo participar creadoras e creadores de calquera nacionalidade.

As obras presentadas deberán centrarse en calquera temática relacionada co mar, ben desde a perspectiva natural, ben desde a cultural; e deberán ter sido producidas con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2022.

Poderán presentarse obras de calquera xénero, ficción ou non ficción, que non poderán exceder os 30 minutos de duración (títulos de crédito incluidos).

Poderán presentarse obras de maior duración para participar no festival fóra da Competición Oficial, en seccións non competitivas.

Dentro da Competición Oficial do festival, establécense dúas categorías: Sección Oficial e Sección Ensino.

INSCRICIÓN

A inscrición deberá facerse a través da plataforma Festhome. Tamén poderá facerse enviando ao correo electrónico cinedomardemarin@gmail.com a ficha de inscrición (que

será facilitada a través do propio correo) e a copia dixital da obra, directamente ou a través dun enlace para a súa descarga (google drive, wetransfer, ydray, etc.).

O prazo de presentación das obras estenderase desde o 1 de xaneiro ao 30 de abril de 2025, ambos inclusive, quedando excluídas as presentadas fóra deste prazo.

PREMIOS

Establécense tres premios na dúas seccións en competencia:
dous premios na Sección Oficial e un premio na Sección Ensino.

• Sardiña de Ouro: Premio do Xurado á mellor obra audiovisual – Sección Oficial. Dotado con 500 euros, trofeo e diploma.

• Polbo de Ouro: Premio do Público á mellor obra audiovisual – Sección Oficial. Dotado con 300 euros, trofeo e diploma.

• Rodaballo de Ouro: Premio do Xurado á mellor obra audiovisual – Sección Ensino. Dotado con 500 euros, trofeo e diploma.

Descarga das bases:
Paxina web: festivalcinedomar.com

Para calquera dúbida ou información, poñerse en contacto coa organización do festival a través do correo electrónico: cinedomaremarin@gmail.com.

MUSEO DO MAR DE MARÍN – Rúa Concepción Arenal 2 – 36900 Marín (Pontevedra)

CARTEL.-

O cartel está feito sobre unha fotografia de Gustavo Santos, cedida de maneira altruísta.

Gustavo Santos Galiñanes, nacido en Buenos Aires en 1968. Tras recibir o título en periodismo, xa como becario, inclinouse rapidamente pola fotografía. Traballou varios anos en fotografía publicitaria en Arxentina, pero ao chegar a Galicia volveu ao periodismo. Desde o ano 2001 forma parte da redacción de Faro de Vigo en Pontevedra. Gustavo Santos é un profesional de recoñecida traxectoria como fotógrafo de prensa.

Moitas das fotografías que vemos neste períodico cada día da comarca de Pontevedra e de Marín son da súa autoría.

A fotografía seleccionada, titulada “Ghancheira de a pé ao amencer”, forma parte dun reportaxe encargado polo periódico o 16 de outubro de 2024, no banco marisqueiro da Seca, en Combarro, na Ría de Pontevedra.

En palabras do autor: “Ese día a baixamar chegou antes, polo que o traballo das mariscadoras realizábase de madrugada. Isto permitiunos traballar cunha luz con certo dramatismo, que pon de manifesto a dureza dunha tarefa que historicamente a desempeñaban maioritariamente mulleres. Creo que na imaxe pódese ver o frío da mañá, a humidade nos pés e a tensión nos brazos da muller. Iso e a illa de Tambo ao fondo foron para min o obxectivo daquela mañá na que había incerteza sobre o estado do produto tras moitos días de choiva e a posible mortaldade das ameixas”.

A fotografía seleccionada, coa Illa de Tambo e Marín de fondo, consegue transmitir a dureza do traballo que realizan as mariscadoras. Desde o Museo do Mar a elección desta fotografía para o cartel do II Festival Cine do Mar é unha maneira de solidarizarnos e mostrar o noso apoio ao sector marisqueiro que o está a pasar moi mal no último ano.

Anterior XaxanCx 24 Ciclocross Internacional

WEBS ASOCIADAS

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados