A Policía Local de Marín aumentou durante a fin de semana o control sobre o uso de máscaras en diferentes zonas da vila.
Estes controis realizáronse en zonas onde son habituais a concentración de mozos e mozas, coma, por exemplo, o Paseo Alcalde Blanco ou o Parque Azul, co resultado de 14 denuncias por non levar en todo momento a máscara.
O uso das máscaras é fundamental, dentro dun contexto de crise sanitaria coma é o que estamos a vivir, para tentar de frear os contaxios da Covid19, sendo fundamental a responsabilidade da veciñanza.
Dende o Concello de Marín apélase á veciñanza a seguir as recomendacións sanitarias, coma o propio uso de máscaras, o distanciamento social ou o lavado e desinfección de mans frecuente.
Recórdase que o uso de máscara é obrigatorio en todo momento en espazos públicos e que é motivo de sanción o non levala posta en todo momento, ou mesmo o seu uso de maneira incorrecta.
Despois destes controis durante a última fin de semana, a Policía Local informou que nos vindeiros días realizarán, noutros espazos de concentración xuvenil, novas actuacións con respecto ao uso de máscaras por parte da poboación.