Heráldica Municipal de Pontevedra
O escudo.
Orixinariamente o escudo de Marín era moito máis sinxelo, e levaba por armas unha torre ameada sobre unha ponte de tres arcos, en clara alusión ao Castelo de San Fernando que defendía Marín e á ponte que lle daba acceso. Este escudo é o que aparece, labrado en pedra, na fachada da Casa Consistorial.
Posteriormente adoptouse un novo escudo manteado, aparecendo no primeiro cuartel unha árbore arrancada entre dous osos levantado, en lembranza do señorío exercido durante séculos polo mosteiro de Oseira. No segundo cuartel aparecen a torre e a ponte xa citados. En punta aparece unha áncora coroada que simboliza a tradición mariñeira da vila evocando tamén o antigo nome de S. Xiao dos Ancorados.
A divisa latina “Nostra in mare fortuna”, lembra que a fortuna ou riqueza de Marín está no mar.
A bandeira.
Aprobada polo Pleno do concello atendendo as recomendacións da Real Academia da Historia, é a definida polo decreto publicado pola Xunta de Galicia no D.O.G. de 20 de marzo de 1986, cunha rectificación por corrección de erros no D.O.G. de 20 de xaneiro de 1987: “Rectangular con dúas franxas de cor azul celeste onduladas e paralelas (sobre fondo branco), superposto levará o escudo da vila colocado a un terzo da súa lonxitude, partindo da hasta, ocupando a franxa branca ondulada de arriba a baixo”.
A cor branca venlle dada pola orde do Císter, a través do mosteiro de Oseira, ao que Marín estivo vinculado.
As franxas onduladas azuis, unha vez máis, están en relación co mar.