Proxecto edukasano
Haga click para desplegar
Educar en hábitos saudables á infancia e á mocidade resulta clave na prevención dos problemas de saúde derivados do sedentarismo e dunha alimentación inadecuada, xa que pode contribuír a xerar cambios non só nos propios alumnos e alumnas, senón no conxunto da comunidade.
Esta idea constitúe o punto de partida do proxecto Edukasano, que o Grupo de Investigación en Educación, Actividade Física e Saúde (Gies-10) desenvolve ao abeiro dun convenio de colaboración co Concello e Marín e que se centra no desenvolvemento dunha intervención educativa preventiva, baseada no exercicio físico e na alimentación saudable, que se levará a cabo en todos os centros educativos, desde infantil a bacharelato, desta localidade.
Despois da súa presentación no Concello de Marín, cando se rubricou o convenio de colaboración entre a administración local e a académica, iniciáronse as reunións cos diversos centros educativos da vila que participarán do proxecto
O proxecto Edukasano ten como obxectivo contribuir á comprensión de por que determinadas enfermidades, como a diabetes ou a obesidade, aparecen en idades tempranas; así como á mellora dos hábitos de vida relacionados coa prácticas de actividade física e unha dieta equilibrada.
O propósito é que as accións que se leven a cabo nos diferentes centros ao longo dos próximos cursos contribúan a que nenos e nenas adquiran hábitos saudables.