A psicóloga e divulgadora Rocío Ramos Paul conseguiu encher hoxe a Biblioteca Vidal Pazos de Marín con motivo da súa conferencia sobre a educación dos fillos na actualidade.
Nun tono ameno e didáctico, Ramos Paul aseguroulle aos pais e nais da sala que “educar hoxe non é máis difícil que noutras épocas”, porque, tal e como explica a experta “os retos son os mesmos, aínda que os escenarios cambien”.
Paul incidiu na importancia de actuar nos primeiros seis anos de vida dos nenos e nenas, “porque é cando aprenden a aprender”, é dicir, cando se traballa a resolución dos conflictos.
Ademais, a psicóloga asegurou que o éxito educativo e o obxectivo final é que “o noso fillo sexa feliz, que se sinta seguro, protexido, querido e valorado”. Para conseguilo, a receta de Ramos Paul é sinxela: “Hábitos, límites e desenvolvemento emocional”.
Entre outras cuestións, a experta falou da irrelevancia de equivocarse, porque “a educación perfecta non existe”, e dos perigos da sobreprotección, que anulan a vontade e a capacidade de decisión dos nenos. “Hai que educar en responsabilidade e en empatía”, sinalou.
Como cuestión clave, a psicóloga destacou a importancia de saber ensinarlle aos fillos a xestión da frustración.