Varios representantes da Asociación Defensora dos Polinizadores de Galicia, Depolgal, e a concelleira de Medio Ambiente, Marián Sanmartín, mantiveron hoxe pola mañá unha reunión nas dependencias do Concello, para abordar as problemáticas e necesidades que existen en torno á presenza de vespa velutina na comunidade.
O colectivo, que actualmente conta con catro grupos de intervención directa, que se encargan da retirada dos niños, leva case catro anos ofrecendo este servizo de forma altruista, coa colaboración do Concello no que respecta ao material. Neste tempo, levan retirados máis de 1.000 niños, un traballo “interminable”, segundo apuntan, que é necesario manter no futuro.
Precisamente por iso, fan un chamamento á cidadanía marinense para fomentar un programa de voluntariado co que poder cubrir todos os avisos que chegan e axudar nas tarefas de retirada de niños e de trampeo. Para facerse voluntario, soamente é necesario poñerse en contacto ca asociación, escribindo un mail a depolgal@gmail.com e pasar por un período de formación, impartida polos voluntarios que actualmente están levando a cabo estas tarefas.
Ademais do voluntariado, afirman que existen outras dúas maneiras de axudar. “Por unha banda, chamando ao 012 para dar aviso cando alguén vexa un niño e, por outra, realizar labores de trampeo, evitando así a proliferación da vespa velutina”.
Concello e asociación coinciden que o traballo levado a cabo nos últimos tempos de formación e sensibilización cidadá están a dar os seus froitos. “Todas as campañas de prevención conseguiron reducir o número de niños”, afirman, todo un éxito tendo en conta o irrefrenable que é esta praga.
Neste contexto, Marián Sanmartín reiteroulle a Depolgal que poden contar co Concello para a dotación de todo o material necesario para as labores de loita contra a velutina. Nestes momentos, o voluntariado conta con varios traxes, tanto de intervención rápida como os completos, e con pértigas de diversos tamaños. “A colaboración das institucións”, afirmou Sanmartín, “é básica para poder realizar este servizo”.
A asociación Depolgal tamén deu a formación en outros concellos donde lles solicitaron a súa axuda.
Colaboración cidadá
Durante o que vai de ano, Depolgal retirou mais de 230 niños, atendendo a 360 avisos. “Tratamos de ir ao día seguinte ou, como moi tarde, na mesma semana”, aseguran, pero, ao ser un servizo gratuito e voluntario, precisan de máis mans para poder atender aínda mellor todas as situacións das que lles avisa o 012.
Por iso impulsan esta campaña de voluntariado, que cren necesario compaxinar cunha intensa labor de trampeo nas casas marineses. “É fundamental trampear agora, nesta época, porque é cando as raíñas saen a aparearse e a alimentarse, para despois comezar a hibernación”. Esta fase dúralles ata a primaveira, o segundo momento do ano máis importante para colocar as trampas. “Cada raíña supón un niño menos”, recordan.