Declaración Institucional do Concello sobre o Día Internacional contra a Violencia de Xénero

Declaración Institucional do Concello sobre o Día Internacional contra a Violencia de Xénero

A pesares dos avances logrados para a mellora da calidade de vida das persoas en áreas como a saúde, a ciencia ou a innovación tecnolóxica, temos que seguir denunciando a constante vulneración dos dereitos básicos das mulleres.

Este ano en España foron asasinadas 52 mulleres a mans das súas parellas ou exparellas. Estas cifras non se superaban na mesma data dende o ano 2010.

En Marín actualmente hai 43 casos activos no sistema de VioXen da Policía Nacional e 18 mulleres dispoñen dun teléfono de atención e protección 24 horas.

Como institucións responsables de mellorar as condicións de vida da cidadanía, temos que facer fincapé nas estruturas que perpetúan esta violencia. É indispensable traballar a educación afectiva e en igualdade desde a infancia. As familias deben ser parte activa na promoción destes valores, pero ademais como sociedade debemos asumir a obriga de dar a voz de alarma cando sexamos testemuñas de actos de violencia.

Debemos insistir na importancia de denunciar estes delitos, pois o que non se nomea non existe. Só así funcionarán de xeito efectivo as ferramentas públicas de acompañamento que as mulleres e as súas familias precisan.

A violencia contra as mulleres é un fenómeno complexo que merece recursos específicos, coordinación e mellora da atención e prevención.

Non debemos enmascarar o termo violencia de xénero, que foi acordado a raíz do Congreso Mundial sobre as Mulleres de 1995 e que fai referencia á violencia exercida contra as mulleres polo mero feito de selo, ampliando o seu exercicio a outros ámbitos como o  laboral e o social. Este concepto remarca a construción histórica das desigualdades de xénero, o abuso de poder e a existencia de normas nocivas que perpetúan a violencia contra as mulleres.

É importante atender a outros tipos de violencia contra as mulleres como a violencia vicaria, aquela que ten como obxectivo danar á muller a través dos seus seres queridos e especialmente das súas fillas e fillos. Este ano foron asasinados 2 menores vítimas de este tipo de maltrato.

O exercicio da violencia atopa actualmente outras canles de abuso e control a través das redes sociais, da negación da súa existencia, da pornografía e a trata de mulleres e nenas con fins de explotación sexual ou a contaminación despectiva do concepto de feminismo.

Debemos facer uso de todos os recursos necesarios para eliminar esta terrible lacra que continúa vulnerando os dereitos fundamentais das mulleres sen distinción de raza, relixión, clase social ou cultura.

Asumimos con esta declaración o noso compromiso real na loita contra a violencia machista. Manifestamos abertamente o noso rotundo rexeitamento e comprometémonos a mobilizar os recursos necesarios para abordar a violencia de xénero con actuacións responsables, apoiando iniciativas efectivas para conseguilo.

Anterior Manel Loureiro será o mestre de cerimonias do Premio AJE

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados