CRONOLOXÍA DE MARÍN

CRONOLOXÍA DE MARÍN

A época do neolítico (3000 anos a.C.), a Idade de Bronce (2500/700 anos a.C.) a Idade de Ferro (500 anos a.C) e a Época Romana (300 anos a.C/395 anos d.C) deixáronnos pegadas da existencia de xente no noso municipio. Están presentes en: construcións de carácter funerario (mámoas), gravados rupestres (petróglifos), recintos fortificados (castros), ánforas, áncoras e moedas, atopados en Castiñeiras, Pastoriza, Allariz, Piñeiro, San Xulián, Mogor, Ardán, Campo, Loira, Seixo, Porteliña, Macenlle, Portocelo… Non existen, porén, datos que poidan orientarnos acerca do número de poboadores que, en determinadas épocas, ocuparon estas terras. É a principios do ano 1600 cando comeza a coñecerse algo sobre os habitantes do noso pobo. Un pobo que, marcado por dous factores transcendentais, eclesiástico e militar, estivo estreitamente relacionado a través dos séculos, por medio de escritos, visitas ou estancias, con príncipes, reis e papas. Sen ter en conta unha orde cronolóxica citamos a: Xulio César, Ramiro II, Dona Urraca, Sabela a Católica, Sabela II, Dona María Cristina de Aragón, María Cristina de Habsburgo, Vitoria Uxía, Raíña Sofía, Fernando o Católico, Fernando II, Fernando III, Fernando IV, Fernando VI, Fernando VII, Sancho III, Filipe II, Filipe V, Filipe de Anjou, Carlos II, Carlos III, Carlos IV, Afonso VI, Afonso VII, Afonso XII, Afonso XIII, Príncipe Filipe, Xoán Carlos I… Hadrián   IV, Alexandro III, Honorio III, Clemente XIV, Atanasio IV… Antes do establecemento de Oseira (1151) o Coto da Vila contaba con escasas vivendas de pescadores no porto de Marín (Ribeira Maior e Calzada, bañadas polo río Lameira), Porto Zapal (Busto de Abaixo) e na desembocadura do río Gudín ( A Mouta) o seu señorío limitábase a un humilde e reducido casarío. O Marín evolucionado atopábase en San Xulián onde existían unhas granxas romanas. No século XVI construíuse o forte de San Fernando na zona que hoxe se coñece como “O Forte”. Por aquel tempo a xurisdición marítima do priorado acadaba: Sálvora, Ons, Cíes, ata Tambo e a sardiña que se capturaba en toda a zona exportábase a Levante, Andalucía, Portugal, Sicilia, Xénova e Grecia.

Ano 1591: o municipio, agás Ardán (Dardán) e Piñeiro (Pineyro) contaba con 367 veciños. Pola súa parte, Galicia comprendía seis provincias: Santiago, A Coruña/Betanzos, Lugo, Ourense, Mondoñedo e Tui. Marín, eclesiasticamente, pertencía a Santiago.

Ano 1602: non chegaba a cincuenta habitantes. Unha cifra que foi estimada en base ao fume que desprendían os fogares cando preparaban a última comida do día, e que facilitaba o reconto das vivendas existentes.

Ano 1650: Contabilizábanse 150 residentes. Anos antes (1639) constitúese a confraría de San Miguel, levada a cabo polo gremio de mareantes. Máis tarde (1669) constrúese o Pazo de Aguete, fundado polo párroco de San Tomé, Xoán Gago de Mendoza Montenegro Sotomayor.

Ano 1700: Hai 300 cidadáns. Constrúese a capela de San Xosé (máis tarde San Caetano ) na Costa (1707). A frota inglesa invade a localidade (1719). O párroco de San Xulián intenta que os fregueses  de Santa María do Porto cumpran as súas obrigas relixiosas na igrexa de San Xulián (1730). Comezan a chegar familias catalás con novas ideas sobre artes de pesca e amplos coñecementos da salgadura  e conservas de peixe (1750). Unha Real Orde concede liberdade de pesca con toda clase de artes, a excepción do “bou” catalán (1773).

Ano 1787: hai 1.135 veciños, dos que 579 son homes e 556 mulleres. Destas persoas 557 están solteiras e 130 están viúvas.

Ano 1831: Cóntanse 1.268 habitantes, en tanto o municipio acada a cifra de 3.814. Ocupa a alcaldía Manuel Arrufana. Anos antes (1801) constrúese o pazo de Chirleu (Aguete) de Xoán Antonio Gago de Mendoza. Pouco máis tarde ten lugar a liberación da vila do dominio napoleónico a cargo das alarmas do Morrazo comandadas por Xoán Gago de Mendoza (1809). Ocupaba a alcaldía Domingo Antonio do Pazo. Obrigábase a que as tabernas pechasen ás nove da noite entre os meses de novembro e marzo, e ás dez da noite o resto do ano.Todas as persoas que estivesen na rúa a partir das horas establecidas serían arrestadas. Obrigóuselles aos establecementos correspondentes a pesar o pan xa que se vendía a ollo…(1827). Ocuparon a alcaldía este ano Manuel Blanco e Manuel de los Santos. Pecha ao culto a capela de San Caetano (1835). Era alcalde Sebastián Graña. Desamortízanse os bens eclesiásticos (lei de Mendizábal) e con iso ponse fin á xurisdición de Oseira (1836). Continuaba o alcalde anterior. As parroquias de Piñeiro, Ardán e Campo solicitan ser segregadas de Marín para formar concello propio, como xa estiveran na etapa liberal (1838). Era alcalde Juan Orxe. Córtanse viñas e carballos na Mouta xa que constituía unha auténtica guarida de malfeitores. A Xunta de Goberno marinense accede á anterior petición. (1843). Ocupaba a alcaldía Antonio González. Disolvida a Xunta de Goberno marinense, a Deputación acordou que as tres parroquias volvesen formar parte do concello (1844). Era alcalde Juan Orxe. Acórdase empedrar a rúa Real. Lourizán solicita a súa segregación do municipio de Salceda para incorporarse a Marín, ao igual que na etapa liberal. (1845). Seguía como alcalde Juan Orxe.

Ano 1849: O municipio conta con 5.659 habitantes. É alcalde Xosé Fontenla. Un ano despois instálase a Garda Civil. O cólera invade a vila e o vello templo píntase de branco, exterior e interiormente (1854). Foron alcaldes durante este mesmo ano: Antonio González Troncoso, Ángel Artime e Juan Estévez. Autorízase a circulación de coches pola rúa Real no ano 1856, cando eran alcaldes Juan Estévez e José Aguete.

Ano 1860: Dos 8.206 veciños do concello 3.571 son homes e 4.635 son mulleres. Rexístranse 5.136 solteiros e 670 en estado de viuvez. A idade máis estendida é de 31/40 anos. Hai 6.773 persoas que non saben ler. O alcalde é Juan Fábregas. Abandónase o local que serviu de primeiro Concello na rúa Calzada. Comeza a empregarse o novo (2º) na rúa Real. Ábrese o lazareto de Tambo en 1865. É alcalde Manuel Pazos Nantes. Máis de mil obreiros traballan en vinte fábricas de salgadura (1867). Prohíbese que os coches anden a trote polo centro da poboación (1869). Ese ano gobernaban Francisco González Garay, Justo Novás González e Antonio Oliveira Rodríguez.

Ano 1873: Conta o municipio con 8.298 cidadáns. Había no núcleo urbano 552 edificacións das que só 25 tiñan 3 ou máis andares. Era alcalde Antonio Oliveira Rodríguez.

Ano 1877: Consta de 9.102 habitantes, 4.129 homes e 4.973 mulleres. Hai 5.263 solteiros e 678 persoas viúvas. A idade máis estendida é de 50/60 anos. Non saben ler 7.037 persoas. É alcalde José Vidal Pazos. Péchase o lazareto de Tambo (1879).

Ano 1880: A vila conta con 2.400 veciños. É alcalde José Vidal Pazos. Comeza unha época de grave decadencia económica que durará dez anos. Prodúcense as primeiras predicacións do protestantismo. (1882). Tómase o acordo de numerar as rúas (1882), cando era alcalde Juan Rocafort.

Ano 1883: O censo de poboación é de 2.435 veciños. Ocupa a alcaldía Francisco González Garay. Inaugúrase a capela evanxélica de Seixo (1885).

Ano 1887: Rexístranse 8.804 cidadáns, dos que 3.869 son homes e 4.935 son mulleres. Hai 5.187 persoas solteiras e 670 viúvas. A vila ten 2.223 veciños e 731 edificacións, das que 183 son dun só andar e 34 de tres ou máis andares. É alcalde Manuel Durán González. Comeza a funcionar o tren a vapor (1889). Continúa o mesmo alcalde. Comezan a verse os primeiros barcos a vapor (1890). Neste ano ocuparían a alcaldía o anterior e Antonio Pazos Fontenla. Aparece na ría a arte da “traíña” o que ocasiona acendidas loitas co “xeito” que durarán vinte anos (1895). Ese ano gobernaba Salvador Rocafort Burcet.

Ano 1897: Acada o municipio 9.377 habitantes. Ese ano ocuparon a alcaldía Salvador Rocafort Burcet, José Martínez Touza e Benito Cerqueiro Torres. Adquire gran fama a feira mensual, á que acoden compradores do Morrazo, Castela, Portugal e Francia. (1897). A beleza das pequenas casas, pintadas de branco, e o aire puro e fresco atraen  unha nutrida colonia estival procedente dos máis afastados puntos da nación (1897). Publícase o primeiro xornal local La Voz del Morrazo. Tivo unha duración de dez meses (1897). Inaugúrase o grupo escolar (1898). Era alcalde Benito Cerqueiro Torres. Unha grande treboada de chuvia, sarabia e vento en pleno mes de xullo asola por completo colleitas en Ardán, San Tomé e San Xulián (1898). Inaugúrase a capela evanxélica de Marín (1899). Emprégase o novo cemiterio. (1899). Ocuparon a alcaldía ese ano Benito Cerqueiro Torres, Antonio Pazos Fontenla e Narciso Estévez Rodríguez.

Ano 1900: O concello ten 9.228 habitantes. Deles 4.179 son homes e 5.049 mulleres.  Hai 1.603 persoas solteiras e 511 en estado de viuvez. Non saben ler 6.500 veciños. Existen 144 vivendas dun andar e 90 de tres andares. No centro urbano viven 2.540 persoas. Era alcalde Narciso Estévez Rodríguez. Desaparece a igrexa de San Pedro da Raña. (1900). Canalízase cunha muralla o río Lameira (1900). Comeza a práctica da pesca de arrastre en “parellas” (1902). Nace o primeiro equipo de fútbol da vila, chamado Fonetivo (1902). Neste mesmo ano disponse, por vez primeira, de luz eléctrica. Foron alcaldes este ano Narciso Estévez Rodríguez e Hipólito Hermida Oubiña. Créase o Casino Democrático (hoxe Liceo Casino) (1903). Continuaba o anterior alcalde. Xa existía a banda de música (1906). Era alcalde Diego Ballesteros Pardiñas. Pídese a construción dunha fábrica de salgadura e conservas en Portocelo (1907). Ocupaba a alcaldía Juan Iglesias Puga. Inaugúrase o colexio da Inmaculada (1908). Solicítase a construción da, hoxe, avenida de Ourense, desde a lonxa (1908). Foron alcaldes ese ano o Sr. Iglesias Puga e José Sobral Portela.

Ano 1910: Habitaban o municipio 9.211 veciños, dos que 4.148 eran homes e 5.017 mulleres. Non sabían ler 6.204 persoas. Compatibilizábanse 214 vivendas dun andar e 81 de tres ou máis andares. Inaugúrase a primeira lonxa de venda de peixe ( o primeiro posto de venda estivo nas inmediacións do priorado) (1910). Concédeselle autorización ao porto para embarcar emigrantes a América (1910). Era alcalde José Sobral Portela. Os xornais pagábanse a 3 ou 4 pesetas día (1911). Solicítase a instalación dunha central telefónica (1911). Adquírese, por vez primeira, unha máquina de escribir para o Concello (1911). Habilítase outro local como Casa Consistorial (30) na rúa Real (1911). Este ano ocuparon a alcaldía o Sr. Sobral Portela e Narciso Estévez Rodríguez. Por vez primeira Cantodarea conta coa presenza dun garda municipal para vixiar a limpeza e a seguridade na zona. O pesqueiro Estribela, de Marín, choca contra un dos baixos de Corrubedo, polo que se afunde ao instante. Os seus nove tripulantes, todos do municipio, faleceron no sinistro (1913). Era alcalde este ano Félix Massó Veiga. O equipo de fútbol cambia o seu nome (fonetivo) polo de Marín (1914). Foron alcaldes o Sr. Massó Veiga e José del Río Paredes. Instálase na vila a Base Naval (1916). Inaugúrase o cine  Quiroga (1917). Adquiren gran fama as propiedades salutíferas das augas do Balneario, ao que acoden persoas de toda a nación (1917). Era alcalde o Sr. Del Río Paredes.

Ano 1920: Rexístranse no municipio 11.296 habitantes. Deles 5.065 son homes e 6.155 mulleres. Hai 5.884 persoas solteiras. Hai un total de 766 vivendas, só 108 teñen tres ou máis andares. No centro urbano hai 3.010 veciños. Foron alcaldes durante este ano José Pérez Graña e Narciso Nores Salgado. Inaugúrase o mercado (1920). Péchase o colexio San Luís Gonzaga (1920). Créase o polígono naval no mesmo ano. Destrúese a ponte de madeira sobre o río Lameira (1921). Era alcalde Narciso Nores Salgado. Comeza a utilizarse a ponte de pedra sobre o río Lameira (1923). Foron alcaldes ese ano José del Río e Andrés Santiago Santiago. Chega á vila o primeiro tranvía eléctrico (1924). Este ano ocuparon a alcaldía Andrés Santiago, Francisco Crespo Casal, José Teijeira Fernández e Ezequiel Massoni González. A lonxa pasa a ser propiedade municipal (1925). Inaugúrase o colexio San Narciso (1925). Foron alcaldes este ano o Sr. Massoni González e o Sr. Teijeira Fernández. Sepáranse as freguesías de Marín e San Xulián. Por mor dun fortísimo temporal a ponte de pedra sobre o río Lameira sufriu gravísimos danos, como consecuencia quedaría cortada a comunicación entre a Avda.. Pablo Iglesias (hoxe Exército e Mariña) e Banda do Río (1929). Era alcalde o Sr. Massoni González.

Ano 1930: O censo de poboación era de 13.194 habitantes, 5.824 homes e 7.109 mulleres. Hai 1.236 edificacións das cales 495 son dun só andar e hai unha edificación de cinco andares. O centro urbano conta con 4.766 veciños. Unha comisión de marinenses visita ao gobernador civil para solicitarlle que non tivese en conta a petición que se formulara sobre a continuidade da actual corporación municipal á fronte da vila. Inaugúrase en Seixo unha escola para nenos. A Antonio Blanco Porto, veciño desta localidade, director da coral polifónica de Pontevedra, polo seu labor á fronte desta concédeselle a cruz de Afonso XII (1930). Foron alcaldes ese ano o Sr. Massoni González,  Narciso Nores Salgado e José Alcántara Fernández. Abandónase o local que era Concello (rúa Real) e inaugúrase o novo (actual) na Avda.. de Ourense (1931). Ocuparon a alcaldía ese ano o Sr. Alcántara Fernández, Gonzalo Martín March, Agustín Rey Fonseca e Antonio Blanco Solla. Pasa a denominarse co seu actual nome o Liceo Casino, o seu primeiro presidente foi Miguel Fontenla Maristany (1934). Foron alcaldes este ano Antonio Blanco Solla e Nicolás Vinteño Romero. Entra en vigor a prohibición de lavar louza e roupa no río Lameira (1936). Exerceron como alcaldes os señores Massoni, Blanco Solla e Alcántara Fernández. Prohíbese a anexión dos municipios de Marín e Pontevedra tras unha reunión das comisións de ambos concellos. O pobo marinense negouse (1938). Ocuparon a alcaldía o Sr. Alcántara Fernández e José González Pérez.

Ano 1940: O municipio está formado por 16.841 habitantes, 7.453 homes e 9.388 mulleres. O número de edificacións acada a cifra de 1.143, destas 379 teñen un só andar e xa hai dúas de máis de catro andares. No centro urbano viven 5.922 veciños. Ocupa a alcaldía José González Pérez. Inaugúrase o parque El Vergel (1940). Primeira presenza do “trolebús” (1943). Inaugúrase a Escola Naval Militar (1943). O atleta Manuel Méndez viste a elástica nacional (atletismo) en Milán (Italia) (1943). Este ano foron alcaldes o Sr. González Pérez, Sr. Massoni e Francisco Pérez Crespo. Inaugúrase a rúa Jaime Janer (une Méndez Núñez e Calvo Sotelo) e o cine Avenida (1947). Fúndase oficialmente o Marín C.F., sendo o seu primeiro presidente Adolfo Rocafort Ball (1948). A corporación somete a estudo o tema das cores do escudo da vila (1949). Nestes tres últimos anos era alcalde o Sr. Pérez Crespo.

Ano 1950: O concello conta con 17.089 habitantes. Deles 8.740 son homes e 8.349 son mulleres. Contabilízanse 1.321 edificacións. Viven na zona urbana 7.892 persoas. Era alcalde o Sr. Pérez Crespo.

Inaugúrase o estadio municipal de San Pedro (1951). O pesqueiro San Telmo, desta localidade, embarranca en Punta Udra e falecen tres mariñeiros da vila (1951). Non  se presenta ningunha reclamación con respecto ás cores da vila polo que se aproban os estudados hai tres anos. O Marín C.F. proclámase campión de Galicia de afeccionados e subcampión de España. O pesqueiro marinense Evangelina choca con outra embarcación á altura de Punta Faxilda, falecen tres membros da tripulación que eran veciños de municipio. O remolcador da Armada, Cíclope, cando se dirixía á súa base na Escola Naval Militar, debido a un fallo na caldeira e ao mal tempo reinante, varou nunhas rochas da illa de Onza. No sinistro rexistráronse sete vítimas (1952). Fúndase a Asociación de Cultura e Arte Santa Cecilia, cuxo primeiro presidente foi Félix Massó Taboada (1953). Un impresionante temporal afunde varios barcos no peirao (1954). Inaugúrase oficialmente o novo Templo (1956). Durante estes anos permaneceu o mesmo alcalde, Francisco Pérez Crespo. O pesqueiro Santiago Cerviño, da frota marinense, por mor dun forte temporal, naufragou moi preto de Onza. Faleceron os doce membros que compoñían a súa tripulación, case toda de Marín (1959). Era alcalde Félix Massó Taboada.

Ano 1960: Acada o municipio os 18.567 habitantes. Hai 4.940 persoas solteiras e 763 viúvas. A idade máis estendida é a de 20/24 anos con 4.796 persoas. Menores de cinco anos están rexistradas 988 persoas. O centro urbano conta con 9.313 veciños. Félix Massó Taboada segue de alcalde. Créase a banda infantil de gaitas Os de Marín (1960). Chega á vila o primeiro “trole” de dous pisos (1961). Fúndase o club de atletismo San Miguel e o club de piragüismo Tambo (1961). Foron alcaldes este ano o Sr. Massó Taboada e José luís Núñez Pérez. O pesqueiro marinense Río Oria, unha vez descargada a pesca na lonxa e cando dobraba a punta do peirao comercial, chocou con outro barco, tamén de Marín. O afundimento foi instantáneo e aínda que as operacións de rescate foron moi rápidas, houbo que lamentar o falecemento dun mariñeiro do municipio. O sinistro causou unha grande impresión por producirse ao alcance da man (1962). Foron alcaldes este ano José Luís Núñez Pérez e Raúl Santiago Taracido. Inaugúrase a igrexa da Nosa Señora do Carme en Seixo (1963), cando era alcalde Raúl Santiago Taracido.

Ano 1970: O centro urbano conta con 10.948 veciños. Deles 5.468 son homes e 5.480 mulleres. Hai contabilizadas 3.021 vivendas familiares. Era alcalde Alfonso Tomás Martín Suárez. A Policía Municipal dispón, por vez primeira, dun vehículo (coche) (1970). Inaugúrase o edificio de máis altura (14 andares –continúa séndoo-) na Avenida de Ourense e a rúa José Trasande (1970). Comezan as obras para cubrir o río Lameiriña, símbolo da historia da nosa vila, desde a ponte que hai ao inicio da rúa Tiro Naval Janer ata o enreixado da Escola Naval Militar, na rúa do Forte. Todo este tramo será un paseo con zonas axardinadas, que remata cun pequeno parque infantil (1971).  Inaugúrase a biblioteca municipal. O pesqueiro de Marín Nuevo Maruja Costas encallou nas inmediacións da illa de Ons. Faleceron catro tripulantes, dos que tres eran marinenses e outro, desaparecido, da localidade (1972). Era alcalde Alfonso Tomás Martín Suárez. Inaugúrase o novo colexio San Narciso (1974). Inaugúrase a igrexa de San José de Cantodarea (1976). Estes dous últimos anos citados ocupaba a alcaldía Benito Hermida Cebreiro. O pesqueiro Marbel, a causa dunha avaría e ao mal tempo reinante, sofre un accidente nas illas Cíes. A pesar dos intentos de axuda por parte doutros barcos, afundiuse coa tripulación, só se recuperaron cinco corpos e desapareceron vinte e dous. A maioría dos mariñeiros eran do municipio (1978). Era o alcalde Antonio Manuel Martínez Arias.

Ano 1981: No centro urbano hai 13.136 veciños, 6.417 homes e 6.719 mulleres. O número de vivendas familiares ascende a 4.526. Ocuparon a alcaldía José Manuel Pierres Martínez e José Emilio Esperón Rodríguez. Un ano antes inaugurárase a igrexa de San Pedro e pecharon os cines Quiroga e Avenida.

Ano 1986: Contabilízanse no centro urbano 14.476 veciños, 7.326 homes e 7.150 mulleres Era alcalde Antonio Pena Piñeiro. Este mesmo ano créase a bandeira do municipio. Un ano antes inaugurárase o parque Ángel Eguren. Os feitos ou curiosidades que se van producindo na última década do século xa non os mencionamos  porque, pola súa proximidade no tempo, supoño que están na mente da maioría dos marinenses. Tamén, a partir de aquí, os datos comezan a ser máis parcos.

Ano 1991: Habitan no termo municipal 23.218 persoas. Deles 10.978 son homes e 7.357 mulleres. O centro urbano ten 14.251 veciños, 6.892  homes e 7.359 mulleres. Existen 5.629 vivendas. Ocuparon a alcaldía o Sr. Pierres Martínez, Gonzalo Arís Leiro e Francisco Antonio Santiago Fernández.

Ano 1996:  O municipio conta con 24.731 habitantes, dos que 12.200 son homes e 12.531 mulleres. No centro urbano viven 15.162 veciños, 7.508 homes e 7.654 mulleres. Ocupaba a alcaldía Augusto Casal Sánchez.

Ano 1998: O municipio estaba habitado por 25.344 persoas. Era alcalde o Sr. Casal Sánchez.

Ano 1999: Son 25.421 habitantes. Foron alcaldes o anteriormente mencionado e Francisco Antonio Santiago Fernández, que continuará séndoo en anos sucesivos.

Ano 2000: 25.349 habitantes.

Ano 2001: 25.487 habitantes.

Ano 2002: 25.462 habitantes.

Ano 2003: 24.814 habitantes.

Ano 2004: 25.406 habitantes.

Ano 2005: supérase por primeira vez a barreira dos vinte e cinco mil, rexístranse 26.103 habitantes.

Ano 2006: O distrito conta con 26.134 habitantes. Deles 13.091 son homes e 13.043 mulleres. A idade máis estendida é a de 25/29 anos, que corresponde a 2.400 persoas. En canto aos extremos referidos a idades, hai 1.208 habitantes que non superan os catro anos e tres (mulleres) que superan os cen. Dáselle nome a dúas rúas: Rúa Francisco Landín Pazos e rúa do Souto.

Ano 2007: Resulta curioso porque a poboación censada no municipio, no primeiro mes de 2007, rexistra un habitante menos que o ano anterior: 26.133. Deles 13.114 son homes e 13.019 son mulleres. Agora a idade máis estendida é a de 30/34 anos, que se corresponde con 2.338 persoas. Referido a idades extremas hai 1.180 que non superan os catro anos e seis (mulleres) que cumpriron os cen. Dáselle nome a unha rúa: rúa Enrique Turral. Iniciou o ano como alcalde Francisco Antonio Santiago Fernández, pero non se presentou á nova lexislatura, o que deu paso a un novo alcalde, Francisco Veiga Soto.

Ano 2008: Acada agora o municipio os 26.915 habitantes, 13.134 homes e 13.061 mulleres. Lixeirísimo incremento con relación ao ano anterior. A idade máis estendida continúa sendo a de 30/34 anos que corresponde a 2.388 persoas. Con respecto a idades extremas, son 1.233 as persoas que non superan os catro anos e oito as que superan os cen. Neste capítulo centenario só unha persoa é home. A avoa do municipio é Marina Marco Miró, que cumpriu 106 anos. Ocupa a alcaldía Francisco Veiga Soto. Os avances tecnolóxicos da actualidade fan posible obter e conservar todo tipo de información, polo que a historia dos pobos é moi rica. Isto permítenos agradecer e valorar o traballo dos nosos antecesores quen, con rudimentarios medios (pluma, tinta, papel… na súa época, modernísimos elementos), levaban a cabo o seu labor, realizando todo a man (escritura, cálculos aritméticos…) co risco de cometer erros. Grazas ao seu interese e esforzo podemos ir coñecendo cousas do noso pobo. E nunca mellor dito “noso pobo” porque hai outros lugares co nome de Marín: en Escoriaza (Guipúscoa), en Chantada (Lugo), en Santa Olalla de Camos (Nigrán) e en San Martiño de Fiestras (Silleda), cando menos estes que eu puiden investigar.

Ano 2009: O municipio conta con 26.294 habitantes. Homes, 13.214, e mulleres 13.080. A idade máis estendida é a de 30/34 anos, nas que están incluídas 2.391 persoas. Non superan os catro anos de idade 1.218 persoas e a avoa do municipio é Dolores Rodríguez González, que superou os 104 anos de idade.

Ano 2014: O Concello de Marín ocupa 36 km2, cunha poboación, segundo INE 2014 de 25.329 habitantes.

Anterior RESUMO HISTÓRICO

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados