O delegado territorial de Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o CEP Sequelo de Marín co galo do inicio do curso 2017/2018 de Educación Infantil e Primaria.
Na visita estivo acompañado da alcaldesa de Marín, María Ramallo, así como do xefe territorial de Educación en Pontevedra, César Pérez Ares, e de responsables do centro educativo e da Unidade Técnica da Xefatura de Educación.
Segundo apuntou José Manuel Cores Tourís, na provincia están matriculados 75.339 alumnos e alumnas, dos que 52.686 son de Educación Primaria e 22.653 de Infantil.
O delegado territorial quixo aproveitar este inicio de curso para coñecer os traballos desenvolvidos no CEP de Marín con motivo de reformar a sala de caldeiras e modernizar o grupo térmico. Nestes traballos, acometidos nas últimas semanas, a Consellería de Educación investiu 42.821 euros, “o que permitirá mellorar a eficiencia enerxética do centro e garantir o correcto funcionamento da caldeira”.
No concello de Marín lévanse investido nos últimos anos máis de 1,1 millóns de euros en melloras e reformas dos diferentes centros de Primaria e Secundaria. “Hoxe comezaron o curso 1.828 rapaces de Infantil e Primaria, e o fixeron con total normalidade”, destacou Cores Tourís.