Copcisa inicia os traballos de enganche do colector antigo co novo na Avenida de Ourense

Copcisa inicia os traballos de enganche do colector antigo co novo na Avenida de Ourense

A Avenida de Ourense, no tramo que transcorre fronte ao edificio consistorial, será obxecto hoxe e durante, previsiblemente 10 días, dos traballos de conexión entre o colector antigo e o novo, que se está a instalar por baixo desta gran vía vertebradora do Concello de Marín.
A actuación será executada por Copcisa, que é a empresa que está a encargarse das obras de renovación do colector xeral, que nestes momentos atópanse na súa recta final, encarando a cuarta fase, despois de meses de intenso traballo.
Esta conexión que se realizará entre a anterior rede e a nova estaba prevista para o pasado mes de decembro, pero a súa casuística esixe que se leve a cabo nun ambiente totalmente seco, polo que as condicións climatolóxicas obrigaron a desprazala no tempo.
Segundo explican fontes da empresa, a actuación é “moi sensible” a nivel de enxeñería, debido á dificultade de unir sen fisuras as dúas canalizacións. Por iso os traballos terán unha duración de dez días.
Así a todo, suporán un gran avance para este gran proxecto, xa que, unha vez rematen co enganche, “xa estaría case todo listo, á espera de colocar os equipos hidráulicos que formarán parte do depósito de retención”, que se está a realizar xusto ao principio da Avenida, á altura da Praza do Regueiro.
A renovación do colector xeral é unha das actuacións máis importantes que levou a cabo o Goberno local en materia de saneamento, dado que o seu obxectivo final é o de mellorar a canalización dos residuos e evitar o máximo posible os verquidos á ría, aumentando a capacidade do colector e creando ese depósito de retención de sólidos co que mellorar o funcionamento da depuradora de Praceres.
De feito, a obra está enmarcada dentro do Plan de Saneamento da Ría de Augas de Galicia, dependente da Xunta de Galicia. O presuposto global investido nesta foi de 1.802.130,15 euros (sen IVA).
Restriccións de tráfico
A nivel de tráfico, os traballos afectarán ao desvío existente desde a Avenida de Ourense cara a Rúa Estrada. Para poder incorporarse a este viario, será necesario transitar ata a rotonda de Praza de España e facer un cambio de sentido.

Anterior Programa Entroido 2020

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados