Coordinada a actuación nos cemiterios de cara ao Día de Defuntos

Coordinada a actuación nos cemiterios de cara ao Día de Defuntos

As concelleiras Marián Sanmartín e Cristina Acuña reuníronse  co inspector xefe da Policía Local, Benigno Blanco, e co capataz dos enterradores, Francisco Fernando Castro, para coordinar todo o dispositivo especial de medidas posto en marcha de cara a garantir un Día de Defuntos seguro, no que se cumpran todas as medidas de prevención e hixiene derivadas da pandemia da Covid19.

Nesta reunión, establecéronse as directrices de como se desenvolverá o día. Tal e como xe se anunciou anteriormente e en consonancia co protocolo publicado pola Xunta de Galicia, establecéronse aforos máximos en cada cemiterio, poñendo un límite máximo de aforo do 40% e tomando como referencia 4 metros por persoa.

A maiores, prégase brevidade na visita, establecéndose un máximo de 30 minutos, e non se poderá acudir aos camposantos en grupos de máis de catro persoas. Para garantir que todas aquelas persoas que queiran acudir a estes lugares de culto neste día tan importante para a veciñanza poidan facelo, ampliáronse os horarios de 08.00 a 20.00 horas, tanto o sábado como o domingo.

Para velar polo bo tránsito nas entradas e saídas e controlar o aforo durante o domingo, haberá cinco conserxes na Raña, dous no Campo e un no cemiterio de Ardán, é dicir, un por cada entrada dos camposantos municipais.

Ademais, tanto o sábado como o domingo, o persoal de Protección Civil apoiará tanto aos conserxes como aos axentes da Policía Local nestes labores de control e inspección nos diferentes cemiterios municipais.

Por outra banda, tamén se reforzou o dispositivo de limpeza, con desinfeccións das áreas de maior contacto, como as propias entradas, barandas e outros elementos do mobiliario urbano.

Lémbrase a necesidade de ter responsabilidade individual, cumprindo con todas as medidas de prevención e hixiene establecidas: máscara obrigatoria, lavado frecuente de mans, imposibilidade de fumar a menos de 2 metros de distancia e manter, sempre que sexa posible, a distancia interpersoal de seguridade.

Anterior A compostaxe comunitaria comeza dar os seus primeiros froitos no Sequelo

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados