O obxectivo é homenaxear e recoñecer a aquelas persoas ou entidades que contribuiran significativamente á historia, cultura, progreso ou benestar de Marín.
Calquera asociación ou colectivo poderá presentar candidaturas entre o 15 de febreiro e o 15 de marzo.
Marín, 12 febreiro 2025
O Liceo Casino de Marín inicou en 1976 a celebración da efeméride da Liberación de Marín, un exemplo de loita popular levado a cabo polas “Alarmas do Morrazo” o 4 de abril de 1809, guiadas por Juan Gago de Mendoza contra as tropas francesas.
Dentro desa conmemoración, creouse o Premio Liberación de Marín, destinado a recoñecer a persoas ou entidades que realizaran achegas signifi cativas á historia e desenvolvemento de Marín. A Asociación ADEMAR foi a encargada do outorgamento deste distintivo ao longo de toda a súa historia ata o ano 2024, cando é cedida a súa xestión ao Concello de Marín, que dende esa data é a institución responsable da súa continuidade.
O ano pasado, decidiuse homenaxear á asociación cultural Céltica polo seu 50 aniversario e todo o importante legado, “pero para as seguintes edicións queríamos establecer unhas bases para que a cidadanía puidese formar parte dun galardón que será unha seña de identidade da nosa vila”, explicou a concelleira Marián Sanmartín, que compartiu estas bases na Comisión Informativa co resto dos grupos da Corporación.
Tal e como se pode ler nas mesmas, este premio ten como obxectivo homenaxear e recoñecer a aquelas persoas ou entidades que, a través das súas accións, obras ou compromisos, contribuíran significativamente á historia, cultura, progreso ou
benestar da veciñanza de Marín. De xeito concreto, homenaxearase a aquelas persoas ou entidades que:
a) Teñan realizado actividades no ámbito xeral da cultura, a educación, a ciencia ou a investigación, coas que se contribuíse a incrementar o patrimonio cultural do municipio, ou no ámbito da industria e da empresa, favorecendo o progreso local.
b) Teñan acreditada a promoción de valores humanos que estean na liña dunha sociedade xusta, integradora, inclusiva, con perspectiva de xénero, solidaria, altruísta e que fomenta o coidado do entorno e a protección medio ambiental.
c) Teñan traxectorias profesionais e laborais claramente salientables na defensa dos valores do traballo e da empresa e o emprendemento.
d) Traballar na promoción e o desenvolvemento dos valores e intereses turísticos de Marín.
e) Acadar méritos na realización e promoción de toda clase de actividades deportivas.
Presentación de candidaturas: prazo aberto o 15 de febreiro
Poderán presentar candidaturas calquera asociación, institución, entidade ou colectivo do municipio de Marín, sen que poida ningunha delas propoñerse a ela mesma nin a unha persoa física que forme parte da súa directiva.
As propostas serán presentadas a través da Sede Electrónica do Concello de Marín, onde se habilitará un formulario tipo de presentación e onde haberá que adxuntar unha memoria xustificativa da proposta, coa máxima información relativa ao por que da proposta.
As persoas físicas ou xurídicas propostas deberán sempre ter coñecemento da súa candidatura previamente á presentación.
A recepción de candidaturas empezará o 15 de febreiro e ata o 15 de marzo. Nos seguintes cinco días, celebrarase a reunión do xurado, que estará conformado pola Alcaldía, un funcionario/a do Concello como secretario/a e un/unha reprentante da Concellaría de Cultura, de cada un dos partidos políticos da
Corporación e dúas persoas de recoñecido prestixio no ámbito cultural, histórico, turístico ou deportivo.
A entrega do premio será no propio día 4 de abril, dentro dos actos que se organizarán para a conmemoración dunha data tan relevante na historia local marinense.