Trátase dunha mellora na dixitalización que permitirá tanto aos cidadás como ás empresas traballar mellor cos expedientes abertos coa Administración Pública.
A súa implantación faise con cargo ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado cos fondos Next Generation da UE
Marín, 24 febreiro 2025
A dixitalización das administracións públicas é unha necesidade cada vez maior, para poder ofrecer á cidadanía a comodidade e as ferramentas óptimas de cara ás xestións que deben facer coas institucións.
Nesa liña, desde o Concello de Marín xa se levan aplicado varias melloras a nivel tecnolóxico e dixitalización de recursos. Unha delas, e que tamén entronca coa defensa e protección do Patrimonio público, é a dixitalización de todo o arquivo municipal, que se foi levando a cabo por fases e que permite ter categorizada en arquivos dixitais toda a documentación institucional, o que facilita a consulta e crea unha copia de seguridade a maiores dos papeis físicos.
No que respecta ás persoas usuarias, mellorouse a sede electrónica e estase ofrecendo un servizo de creación e renovación do certificado electrónico, que é unha ferramenta esencial para facer trámites en liña, tanto para as persoas a nivel individual como para as asociacións, empresas, comisións de festas… que se relacionan con frecuencia coa administración local.
Agora, o Goberno local dá un paso máis e implantará o sistema de Carpeta cidadá, creado pola Administración centrral e que permitirá mellorar a seguridade, a velocidade e a ampliación dos servizos ofrecidos á cidadanía.
A Carpeta cidadá funciona como un espazo propio no que se intercambian datos sobre os expedientes abertos dos interesados e os seus representantes, facilitando moito o acceso estandarizado a todas as xestións.
O desenvolvemento informático que suporá a implementación desta ferramenta chegará á Casa Consistorial, ás dependencias da Policía Local, ao Museo Manuel Torres e as oficinas de Méndez Núñez, á Casa Principal de Briz (onde están Servizos Sociais e o CIM), á Escola Municipal de Música, á Sacoa (nave de servizos das Brigadas) e á Biblioteca Municipal.
Do proceso de licitación resultou adxudicataria a empresa Ednon SL, que será a encargada de realizar o despregue, o que suporá unha inversión de máis de 82.000 euros, financiados a través do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia, financiado por la Unión Europa NextGeneration EU.

