30 xuño 2021
O Concello de Marín traballa intensamente para dotar a toda a veciñanza, tanto do casco urbano como do rural, de servizos públicos de calidade. Por iso, realiza importantes inversións en materia de renovación, mantemento e outras cuestións relacionadas co alumeado público, o saneamento, o abastecemento…
Nesta ocasión, estase a executar unha renovación e mellora da instalación do alumeado público exterior no lugar de Castro, unha “actuación moi necesaria”, segundo indicou o concelleiro de Medio Rural, Pablo Novas, dado que é importante reforzar este servizo naqueles lugares onde a instalación estea máis deteriorada e poñendo novos puntos de luz alí onde é preciso reforzar a iluminación.
A actuación resultou adxudicada á empresa Vilela Electricidad, por un orzamento de 53.529,76 euros, financiado a través dunha baixa do Plan Concellos. A empresa terá un prazo de 45 días para a elaboración dos traballos.
Esta obra suporá unha mellora da eficiencia enerxética de toda a instalación, substituíndo as fontes de luz actuais por luminarias de tecnoloxía LED. Tamén se renovarán todos os brazos metálicos xa existentes, e que se atopan nun avanzado estado de deterioro, e o cableado. Pero ademais reforzarase a dotación deste servizo, coa colocación de novos puntos de luz, que terán poste, brazo e luminaria.