Chicho e Morgan, de Amijos e Vesiños de Cantodarea, recibirán o Premio Liberación 2025
Chicho e Morgan_Foto Julio Santos Pena

Chicho e Morgan, de Amijos e Vesiños de Cantodarea, recibirán o Premio Liberación 2025

Imaxe: Julio Santos Pena

O xurado, composto por un membro de cada partido da Corporación e representantes da sociedade e da cultura de Marín, acordou por unanimidade concederlle este recoñecemento ao colectivo veciñal, que o recibirá no acto institucional do 4 de abril

Marín, 20 marzo 2025

O xurado do Premio Liberación reuniuse onte no Museo Municipal Manuel Torres e decidiu por unanimidade outorgar este premio ao colectivo Amijos e Vesiños de Cantodarea, asociación veciñal liderada polo empresario Julio Montoto Sobrado, “Chicho” e coa axuda permanente de José Ramón Pérez Gómez, “Morgan”.

Durante 10 anos, encargáronse a través da Comisión de Festas, da que Chicho era presidente, da organización das Festas de Cantodarea polo seu patrón, o 1 de maio, día de San Xosé Obreiro. Estas festas eran un referente, sobre todo pola calidade da súas orquestras, as máis punteiras en cada momento (Panorama, París de Noia…). En 2023, a falta de relevo fixo que rematara facéndose cargo o Concello da organización desta festividade.

Como non podían estar quedos, comezaron a recuperación das Cacharelas de San Xoán, organizando dúas cacharelas, unha máis pequena que acender ás 22h para os nenos e nenas, e outra de enormes dimensións para acender ás 00h, onde sempre fan referencia a algunha localización do noso concello: a Porta Carlos I da Escola Naval Militar, o Palco da Música da Alameda, a Farola da Praza de España, o Faro de Tenlo Chico da Illa de Tambo…

Pero ademais, e xa como un proxecto persoal, Chico comeza coa recuperación das vellas casas do Barrio do Outeiro de Cantodarea, abandonadas ou ocupadas, coa

súa limpeza e colocación de placas que lembran o alcume polo que se coñecía a quen alí vivía, como unha forma de homenaxe a esa historia deste zona típica mariñeira, como “A Cuadra” que se converteu na sede deste colectivo.

Cabe destacar a posta en valor das escaleiras e posterior bautismo co nome de “Auditorio María de Román”, onde se celebran actuacións musicais para a alegría sobre todo da xente maior deste barrio.

E por suposto, a colaboración na decoración de Nadal, que vaise contaxiando entre todos os veciños e veciñas do barrio e que supón un exemplo de comunidade.

Todas estas iniciativas impulsadas polo colectivo están a permitir unha reconversión desde barrio, facendo a vida nel moito máis segura e alegre.

Por todas estas razóns e este enorme traballo de dinamización social e cultural de Cantodarea, recibirán o Premio Liberación 2025, nun acto que se realizará o 4 de abril pola tarde para conmemorar o Día da Liberación de Marín.

Anterior A Raña será o centro da ximansia esta fin de semana cunha Copa Internacional que lembrará o legado de Pablo Hinojar

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados