A concelleira Itziar Álvarez e as pintoras Inés Pampín e Patricia Otero, acompañadas do membro de Céltiga Richard Pazos, presentaron esta mañá a exposición de óleos “Nalgures na Galicia”, unha mostra que se inaugurará o día 1 de xullo e poderá visitarse no horario do Museo até o 15 de xullo.
Esta actividade está enmarcada nos actos do Ano Torres, xa que suporá “unha auténtica homenaxe” para o artista de Marín, “porque reproducimos escenas que el pintaba, pero adaptándoas ao estilo que nos caracteriza”.
O obxectivo, segundo as artistas, é o de recrear esa Galicia e ese Marín dos anos 40 e 50 que viviu Manuel Torres, que coñeceu e que quixo plasmar na súa inolvidable obra. “Haberá escenas costumbristas do mundo marítimo, do campo…”.
A técnica predominante da exposición será o óleo pero a asociación artística xa adianta que “haberá sorportes moi chamativos e novidosos, porque queriamos ser orixinais e plantexar unha exposición diferente”.
A mostra estará 15 días aberta ao público no Museo Torres, que conta con todas as medidas de prevención e seguridade adaptadas á nova normalidade: control de aforos, dispoñibilidade de xel hidroalcohólico, obligatoriedade no uso de mascarillas, itinerarios trazados no chan…