A actual Casa do Concello é un sobrio edificio ecléctico de elaborada pedra tallada, planta cuadrangular, cuberta a catro augas, e torre do reloxo nun dos seus extremos. A fachada principal conta cun pórtico asoportalado con arcos de medio punto sobre columnas, coa parte superior a modo de balconada balaustrada. Remata, tanto a torre como a fachada principal, nun corpo ameado, nun intento de darlle á edificación un aspecto máis antigo, de pazo, castelo ou casa nobre.
Data de tempos da IIª República e substituíu a outros antigos asentamentos do concello, primeiro na rúa Calzada e despois na rúa Real. Houbo incluso negociacións frustradas para mercar o vello Priorado de Oseira para destinalo a consistorio, feito este que de ter prosperado tivera suposto a salvación dun dos edificios máis sobranceiros da vila.
Con proxecto do arquitecto D.Juan Argenti Navajas, os contratistas designados foron Antonio Moreira Pérez e José Mª. Torres Ruibal, e como emprazamento escolleuse a zona resultante dos recheos que se estaban a levar a cabo no lugar coñecido como Areíña. Os traballos de construción tiveron lugar entre os anos 1927 e 1930 e xa no 1931, en plena IIª República, é inaugurado pola nova corporación municipal republicana. O edificio acollía tamén o xulgado municipal, ao que se tiña acceso pola súa parte traseira.
Como dato anecdótico, dicir que a pesares dos avatares históricos, de case 40 anos de franquismo onde se mudaron nomes de rúas e se eliminou toda a simboloxía da etapa anterior, o escudo republicano da fermosa vidreira do salón de plenos, conservouse intacto e chegou ata os nosos días.