No mes de abril, coincidindo co inicio da primavera o Concello de Marín iniciou a campaña de limpeza e roza dos viarios do rural.
Para a realización destes traballos o Concello conta cunha brigada de rozas a pé da Fundación Juan XXIII que realizará os traballos nos camiños e viarios de paso estreito aos cales non pode acceder o tractor desbrozador do Concello.
A planificación dos traballos responde a criterios de necesidade, considerando o calendario festivo da localidade, a tempada alta de praias e a prevención de incendios. Co fin de facilitar a comprensión do calendario de intervencións o Concello dispón de información na súa páxina web.
Con todo, a través da prensa irase dando información puntual do avance dos traballos.
Ademais dos traballos de roza manual e dos traballos co tractor municipal, o Concello contrata os traballos de roza mecánica en todos os viarios de titularidade municipal, debido ao crecemento rápido da vexetación na época primaveral e para garantir a seguridade viaria.
Esta liña de traballo facilita o contacto das persoas con discapacidade coa veciñanza de Marín e axuda a mostrar “porta a porta” as capacidades deste colectivo de poboación.
Grazas á continuidade na realización destes traballos e á calidade que ofrecen os traballadores, a visión da discapacidade está a cambiar en Marín e hoxe pódese afirmar que se valora á persoa mesmo máis aló do traballo que realiza.