Xa leva sendo advertido desde hai anos: as toalliñas húmidas supoñen un importante perigo medio ambiental e de xestión do saneamento, dado que non se degradan e producen importantes atascos nas redes.
Esta mesma mañá, técnicos municipais referiron a existencia deste problema na EBAR da Goleta, recentemente renovada, e cuxo cestón de retención de sólidos apareceu totalmente atascado pola acumulación destes residuos, ademais doutros que tamén se desbotan de xeito irresponsable polo inodoro, como compresas, tampóns…
Desde o Concello apelan á responsabilidade da cidadanía para evitar os importantes estragos que producen este tipo de produtos, que xa están afectando a sistemas tan novos e modernos como os que hai na EBAR da Goleta.
De feito, inciden en que é responsabilidade de todos porque estes atascos non só producen avarías, senón que deterioran os equipos de saneamento e encarecen a prestación do servizo.