9 febreiro 2022
A concelleira de Benestar Social, Marián Sanmartín, e a directora do CIM, Marián Sánchez, presentaron esta mañá o colectivo de mulleres ao que se lle adicará a conmemoración do Día Internacional da Muller, o 8 de marzo: as profesionais condutoras dos servizos de transporte.
Elas son, coma todos os anos, as protagonistas da viñeta do ilustrador galego Luís Davila. “Ao volante cara á igualdade” é o lema escollido este ano, co obxectivo de visibilizar o traballo destas profesionais, que forman parte dun sector altamente masculinizado e estereotipado.
“Para as mulleres, o acceso libre a empregos tradicionalmente masculinos é unha barreira difícilmente superable, complicada pola súa imaxe estereotipada, considerando que son competencias exclusivamente dos homes”, explican desde o Concello e o CIM e, por iso, este 8M tratará de poñer sobre a mesa os nomes e os casos de mulleres que se adican ao sector do transporte, como viven esa fenda de xénero e como foi a súa traxectoria laboral.
Ademais, tal e como acontece con outros traballos de diversa índole, a incorporación das mulleres a un emprego de calidade, nas mesmas condicións ca os homes, non sempre se cumpre. Polo que é preciso reivindicar a igualdade real e total no ámbito laboral e, sen dúbida, no social e doméstico.
Como todos os anos, o Concello fará tazas conmemorativas coa viñeta de Davila, que se repartirán cerca da data no Mercadiño. Todo isto verase apoiado por actividades nos centros educativos, como a charla sobre agresións e acoso sexual que irá pasando polo alumnado de Secundaria.