A Rúa Estrada é un dos viarios máis céntricos da vila marinense, colindando ca Policía Local e o Concello. A súa fisionomía, dun ancho medio actual en torno aos 11 metros, incluíndo o estacionamento nas dúas beiras, caracterízase polas beirarrúas estreitas.
Por iso, dentro da estratexia do Goberno local de mellorar a mobilidade e a comodidade do peón no centro urbano, levarase a cabo esta obra de humanización, financiada nun 70% pola Xunta de Galicia, ao abeiro do convenio de colaboración firmado a inicios deste ano entre a alcaldesa, María Ramallo, e a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez.
Tal e como se pode ler na memoria do proxecto, con esta actuación “trátase de ir consolidando zonas do centro urbano con características que faciliten a convivencia e a mobilidade dos veciños, puidendo exportar nun futuro este modelo ás rúas adxacentes”.
A reordenación do vial basearase na eliminación dun dos carrís de estacionamento, concretamente o da marxe esquerda, gañando desta forma espazo para aumentar as beirarrúas.
Desta maneira, as beirarrúas pasarán a contar cunha amplitude de 2.70 metros en ambas marxes. A calzada tamén contará con 3.30 metros de espazo, cun único carril de circulación, respectando o actual fluxo rodado do viario.
Tamén se renovarán os servizos municipais de saneamento e as luminarias, que pasarán a ser eficientes enerxeticamente.
Está previsto que os traballos poidan comezar esta semana, para ir avanzando nunha humanización que mellorará moito a imaxe deste céntrico viario.