06 maio 2021
As obras de humanización da Avenida de Ourense entran na súa fase final. Segundo informou esta mañá a alcaldesa, María Ramallo, está previsto que na última semana de maio remate esta actuación, que supón un dos eixos sobre os que pivota a estratexia Marín Dusi, cofinanciada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea.
Esta actuación supón unha importante mellora na mobilidade de Marín, creando un cinturón de carril bici sobre a arteria de comunicación principal do casco urbano cos concellos limítrofes e o resto do termo municipal. Con este avance, mellorarase a mobilidade urbana, apostando pola convivencia entre peóns, bicicletas e tráfico rodado.
Ademais, a Avenida de Ourense estreou tamén a ZONA 2H, que garante máis posibilidades de atopar prazas onde estacionar para poder realizar recados, compras e demáis xestións na nosa vila e que na súa primeira semana en activo está a funcionar moi ben.
Con esta actuación, mellorarase tamén todo o que ten que ver co mobiliario urbano, colocando novos bancos para o goce da cidadanía e colocando nova xardinaría e arborado, de especie de peral de flor, con exemplares que rozan os 6 metros de altura.
A eficiencia enerxética tamén é unha liña de traballo que marca o proxecto, xa que se renovaron todas as luminarias para que cumpran cos estándares de aforro enerxético, utilizando a tecnoloxía LED e apostando por báculos máis modernos e renovados.