As obras da Rúa do Tombo estarán finalizadas a principios do próximo mes

As obras da Rúa do Tombo estarán finalizadas a principios do próximo mes

A alcaldesa de Marín, María Ramallo, e os concelleiros de Urbanismo, Manuel Santos, e de Medio Ambiente, Marián Sanmartín, visitaron hoxe as obras que se están levando a cabo na Rúa do Tombo, que segundo informou a rexedora estarán rematadas a principios do próximo mes.
Esta humanización, en pleno centro da vila marinense, afecta ao viario que conecta as rúas Concepción Arenal e a Avenida de Ourense, que ten un único sentido de circulación e no que non había beirarrúas continuas, senón apenas un par de pequenos tramos que non servían para dar servizo aos peóns que transitan esta zona.

Agora, con esta actuación, a rúa incorporará unha nova beirarrúa na marxe esquerda, seguindo o sentido da marcha do tráfico rodado, que mellorará a mobilidade.

Ademais da mellora estética que se derivará da realización destes traballos, o Concello priorizou a realización desta obra sobre outras por motivos de saneamento, xa que durante as tarefas de revisión e mantemento da rede municipal foi detectado un mal funcionamento do colector instalado nesta rúa, ao que chegan as augas pluviais e residuais da rúa Pitanxo e de parte de Concepción Areal.
Sumado a isto, as obras de humanización desta última rúa, cuxa primeira fase está practicamente rematada e a segunda, a piques de comezar; supón tamén unha mellora do saneamento, con novos colectores e renovados sumidoiros, polo que era necesario adaptar a rede da Rúa do Tombo a estas melloras estruturais. No que ten que ver co alumeado público, está prevista a instalación de farois nunha das marxes.
A obra de renovación dos servizos e humanización na Rúa do Tombo estase executando ao abeiro do Plan Concellos 2018-2019 da Deputación de Pontevedra da man da empresa Contrucciones Fechi. O orzamento de licitación foi de 172.248,57 euros, pero a adxudicación pechouse en 120763,47 euros.

Anterior O Pleno aproba o primeiro Plan Municipal de Prevención de Incendios Forestais de Marín

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados