Arranca o Obradoiro Dual de Emprego con 20 participantes

Arranca o Obradoiro Dual de Emprego con 20 participantes

A concelleira de Promoción Económica, Beatriz Rodriguez, inaugurou hoxe o Obradoiro Dual de Emprego no Salón de Plenos do Concello, no que participarán 20 alumnos e alumnas, tres mestres, un titor e un director.

Un dos obradoiros formará ás 10 persoas participantes en atención sociosanitaria a persoas dependentes no domicilio e en institucións sociais, namentres que as outras 10 aprenderán o traballo que se desempeña na industria pesqueira e de elaboración de produtos da pesca e a acuicultura.

Hoxe foi “o pistoletazo de saída a un ano de formación que, de seguro, será moi importante na vosa traxectoria laboral e que vos aportará competencias de emprego moi interesantes para despois poder volver ao mercado laboral cunha experiencia e formación curricular moito maior”, expresou a concelleira.

Tal e como se recollía nas bases do obradoiro, as persoas participantes serán contratadas cun contrato de formación en alternancia, de xornada completa, polo cal recibirán o salario mínimo interprofesional, de 1.080 euros ao mes (máis as pagas correspondentes).

O axente de emprego e desenvolvemento local, Alfredo Montero, explicou aos asistentes cal será a dinámica de traballo do obradoiro. As formacións serán en horario de tarde e a parte teórica impartirase en Marín, no Espazo Emprendedor de Innovación Alimentaria do Parque Azul. En canto á parte práctica, o certificado de atención sociosanitaria será no Príncipe Felipe e o da pesca, nas instalacións de Rosa de los Vientos.

De feito, o Concello contratará un servizo de autobús para poder ofrecerllo ás persoas participantes que queiran desprazarse así ata os lugares nos que se impartirá esa formación.

A edil de Promoción Económica fixo fincapé na importancia de poder contar cunha oferta formativa coma esta “na que lle damos a oportunidade a 20 persoas de desenvolver aptitudes laborais para que o seu futuro profesional teña novas saídas, á vez que son remuneradas”, algo que xera riqueza e progreso a nivel social na nosa vila.

Este programa é posible grazas á axuda da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, coa financiación do Fondo Social Europeo e a Iniciativa de Emprego Xuvenil.

Anterior A Aula CeMit de Marín renova os seus dispositivos

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados