Arantza Portabales será a pregoeira das Festas do Carme de Marín
Arantza Portabales será a pregoeira das Festas do Carme de Marín

Arantza Portabales será a pregoeira das Festas do Carme de Marín

A escritora de novela negra dará o pistoletazo de saída á programación festiva deste verán, que xa se pode consultar por días na web do concello

Marín, 25 xuño 2024

A nova dama da novela negra. Unha creadora de personaxes redondos e cheos de matices. Unha escritora que chegou ao oficio xa en idade adulta e que hoxe é das máis lidas en España, tanto por público da súa propia idade como pola mocidade, o que lle valeu hai uns meses o Premio Clubes de Lectura 2024, que a coloca como a escritora máis lida das bibliotecas educativas de Galicia.

Esa é Arantza Portabales, nacida en San Sebastián froito da emigración de seus pais e retornada con eles a Marín en 1985, o lugar onde ten as súas raíces e no que pasou a súa adolescencia. Agora, será a encargada de abrir as Festas do Carme, tal e como avanzou esta mañá a alcaldesa, María Ramallo, que desvelou o nome dunha pregoeira “de luxo, que nos permite traer de novo a esta vila a alguén con talento, con paixón e que ten un enorme cariño a Marín e á nosa xente”.

Formada en Dereito e traballadora como funcionaria de escala superior na Xunta de Galicia, os seus primeiros contactos coa literatura foron a través do microrrelato, que escribía tanto para o certame do programa La Ventana, da Cadena Ser, e para a Voz de Galicia. “Sobrevivindo” sería a súa primeira novela, publicada en 2015 pola editorial Galaxia e que se erixiu como vencedor do xornal autonómico no seu XV Premio de Novela por entregas.

No 2017, a traducción de “Deixe a súa mensaxe despois do sinal” ao español pola editorial Lumen só foi o inicio da internacionalización de Portabales coma escritora, sendo máis adiante traducida tamén ao italiano, o hebreo e o alemán. Tamén foi adaptada ao teatro pola Compañía Tanttaka.

Despois chegou “Beleza vermella”, a súa incursión na novela negra e a primeira entrega dunha saga que vén de continuar con “La vida secreta de Úrsula Bas”, saída ao mercado en 2021 e que continúa a historia dos inspectores Abad e Barroso. O pasado ano publicou “El hombre que mató a Antía Morgade” e está traballando nun novo título no que Marín, tal e como pasa no resto da súa obra, estará moi presente.

Programa completo das festas

Por outra banda, desde a Concellería de Festas anúnciese que xa está dispoñible o programa do verán por días, a través da web do concello e a partir de mediados de semana repartiranse programas en man para que ninguén se perda as actividades que están preparadas para os próximos meses.

Anterior Xa aberta a convocatoria de axudas para a rehabilitación de edificios e vivendas no ARI do Casco Vello e da Banda do Río Lameira

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados