O Pleno da Corporación celebrado a pasada semana deu luz verde a dous proxectos de expropiacións que suporán o pistoletazo de saída para dúas importantes melloras urbanísticas que o Concello ten en carteira para o centro urbano e para Seixo.
Trátase da humanización do entorno do Mercado Municipal de Seixo e da urbanización da rúa República Arxentina. En ambos casos, as expropiacións que farán falta para por en marcha os traballos foron levadas a Comisión Informativa e despois estiveron expostas a nivel público durante o tempo requerido.
Segundo informou esta mañá o concelleiro de Urbanismo, Manuel Santos, unicamente se recibiu unha alegación ás expropiacións de República Arxentina, que foi desestimada, polo que a sesión plenaria do pasado xoves xa puido aprobar definitivamente todas as expropiacións.
Unha nova rúa en pleno casco urbano
A urbanización da Travesía da República Arxentina dentro do núcleo urbano de Marín comunicará as rúas República Arxentina e Inferniño. Na actualidade, esta zona presenta dúas situacións moi diferentes.
O extremo leste, que entronca coa Rúa República Arxentina, atópase completamente urbanizada e edificada. Esta rúa remata nun muro que separa o ámbito urbanizado do regato e as fincas sen urbanizar.
No que respecta a esa nova zona que se abrirá, hai tres parcelas que se atopan en estado de semiabandono. Con este proxecto, demolerase ese muro que delimita o espazo entre ambas e a edificación que hai nestas parcelas, medio en ruínas. Tamén se quitarán os peches metálicos da parte non humanizada.
A urbanización da Travesía da República Arxentina contempla a dotación dos servizos de saneamento e recollida de augas pluviais, abastecemento de auga, alumeado público, enerxía eléctrica en baixa tensión, telefonía e rede de distribución de gas.
O terreo a expropiar será o correspondente a estas tres parcelas, que ocupan unha extensión de 509 metros cadrados. O orzamento total da expropiación ascende a 55.262 euros.
Un proxecto urbano integral para o corazón de Seixo
No proxecto integral de renovación e humanización da contorna do Mercado Municipal de Seixo, son cinco as parcelas afectadas, ocupando unha superficie entre todas de 326 metros cadrados. Para este procedemento investiranse 21.968 euros.
Con este proxecto, procúrase a reordenación urbana da contorna do Mercado de Seixo, dando prioridade á mobilidade peonil e creando unha nova praza que permita o esparexemento e o goce do espazo público por parte da cidadanía.
Na actualidade, o tramo da estrada Grupo Escolar de Seixo situado entre a Avda. Dr. Otero Ulloa e Camiño Verllo ten unha configuración notablemente desordeada. A zona non está urbanizada na súa totalidade e, debido á súa antigüidade, presenta defectos no estado dos pavimentos e nos servizos, tanto de saneamento e abastecemento como no alumeado.
Con esta humanización solventaranse todas estas cuestións e crearase unha nova zona urbana cunha mellor mobilidade en pleno centro da parroquia.