Pasado o período de exposición pública do acordo, o Pleno da Corporación celebrado hoxe deu luz verde a outorgar esta distinción á Princesa de Asturias. Aínda non hai data para o Pleno extraordinario no que se entregará o nomeamento.
Marín, 12 decembro 2024
O Pleno da Corporación celebrado hoxe aprobou definitivamente a proposta de nomeamento da Princesa de Asturias, S.A.R. Leonor de Borbón e Ortiz, como Filla Adoptiva.
Tal e como explicou a alcaldesa da vila, María Ramallo, “Marín ten un forte vínculo establecido coa Casa Real por ser sede da Escola Naval Militar, onde a Princesa, así como fixo no seu día seu pai, o rei Felipe VI, está a realizar unha parte da súa formación castrense. Ese vínculo marca toda a súa traxectoria, así como o que lle une a outras cidades nas que se formou e formará”. Ramallo asegurou que “para nós como Concello é un orgullo, como xa foi no seu día co actual rei, poder outorgar esta distinción”.
O expediente estivo publicado durante quince días no Taboleiro de Anuncios na Casa Consistorial e na Sede Electrónica, sen recibir ningunha alegación. Polo momento, aínda non hai data establecida para a celebración do Pleno extraordinario no que se votará e, finalmente, outorgará, esta distinción á Princesa de Asturias, que pronto deixará de residir na nosa vila para continuar a súa formación na Armada ao bordo do buque Juan Sebastián Elcano.