04 xaneiro 2021
A concelleira de Benestar Social, Marián Sanmartín, recolleu esta semana na clínica Alter Saúde o cheque resultado da campaña solidaria que o establecemento puxo en marcha durante o Nadal, en colaboración co Concello, para recadar fondos para as ONGs da vila.
A acción solidaria desenvolveuse entre o 7 e o 18 de decembro, dúas semanas durante as que o centro destinou un euro de cada servizo de fisioterapia, podoloxía, estética, adestramento e nutrición que se realizou a este fin benéfico.
En total, recadáronse 423 euros, unha contía que se repartirá de xeito proporcional entre todas as asociacións marinenses.
A concelleira, en nome de todo o Concello, quixo “agradecer enormemente a Alter Saúde a súa iniciativa solidaria, chea de cariño e que responde a esa sensibilidade que temos todos nestes momentos cos tempos que toca vivir”.