A alcaldesa de Marín, María Ramallo, e o tenente alcalde, Manuel Santos, mantiveron unha reunión con representantes de Aempe (Asociación de Empresarios de la Pequeña y Mediana Empresa de Pontevedra) para revalidar o convenio de colaboración entre o organismo público e a entidade empresarial que se iniciou o ano pasado.
Grazas a esta colaboración, Marín foi sede dalgunhas das actividades que anualmente programa o colectivo de empresarios. Concretamente, o Porto de Marín acolleu un afterwork no que foi protagonista o marinense Cachi Villanueva, directivo do grupo de comunicación Mediaset.
O obxectivo é que este ano a vila poida ser de novo escenario dalgunha destas citas empresariais e sociais, nas que a asociación trata de crear lazos entre o tecido produtivo de Pontevedra e o dos municipios da contorna.
Neste sentido, Marín conta cun pulmón empresarial e económico moi forte, como é o Porto, cuxa influencia vai máis alá da vila marinense.