Abre a presentación de ofertas para explotar o Bar de Portocelo

Abre a presentación de ofertas para explotar o Bar de Portocelo

A explotación do Bar de Portocelo volve saír a licitación. A Plataforma de Contratación do Sector Público ten xa subido o anuncio para sacar adiante esta nova contratación, a través de procedemento aberto e en réxime de alugueiro, no que toda persoa interesada poderá presentar unha proposición.

Trátase  do  edificio  situado  na  zona  arborada  fronte  á  praia  de  Portocelo,  un espectacular enclave que estará destinado ao servizo de restauración, ocio e entretemento, cun espazo que inclúe tanto o inmoble como a zona de terraza elevada e con vistas á praia de Portocelo.

Tal e como se pode ler nos pregos que rexen a contratación, a duración do arrendamento será de dous anos, cunha posible prórroga de dous anos máis. Esta prórroga será solicitada polo contratista con, polo menos, dous meses de antelación á finalización da actual concesión.

A renda mensual por explotar o local será de 236 euros, máis IVE, sendo o valor total do contrato, tendo en conta as eventuais prórrogas, de 11.328 euros.

O local deberá estar aberto de 12.00 a 20.00 horas, durante polo menos 4 días á semana, e durante toda a época do ano, a excepción do peche de vacacións dun mes, que de todos os xeitos nunca poderá ser durante a época estival (de maio a setembro).

Ademais, nos pregos recóllese que o Concello de Marín terá dereito a usar o espazo cinco días ao noa para a realización de actos de interese público.

O prazo de presentación de ofertas estará aberto ata o 22 de abril e realizaranse de xeito electrónico, a través da Plataforma de Contratación do Sector Público.

Obrigas por parte do concesionario

Será por conta do adxudicatario a adaptación interior que sexa preciso realizar para a explotación do local, así como os gastos de mantemento. Polo tanto, terá que asumir as obras de reforma, reparación, conservación…

No caso de querer modificar o espazo exterior, sempre será con previa autorización do Concello. Tamén correrán a cargo do adxudicatario todos os impostos relativos ao exercicio da actividade.

Ademais, a persoa que resulte adxudicataria estará obrigada a conservar en perfecto estado a instalación unha vez remate o tempo da concesión. Por outro lado, a cadro de persoal de persoal que faga falta contratar para o correcto funcionamento do servizo tamén serán por cargo do adxudicatario.

Anterior Ampliase o prazo do sorteo de 100 tarxetas regalo polo Día da Nai

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados